
Facu adiantou aos locais cun gol olímpico, aínda que o árbitro llo anotou en propia porta a Elías, e Porrúa empatou á falta de 15 minutos
18 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.O Xullo Mato vestiuse de gala para albergar un encontro histórico, o primeiro da eliminatoria da fase de ascenso a Segunda RFEF entre o Noia e o Estradense. Ambientazo nas bancadas nun día propicio para a práctica do fútbol. Como é lóxico, predominancia de público local na bancada aínda que tamén os visitantes lograron mobilizar a un bo número de afeccionados que se fixeron notar e moito xa desde o quecemento dos futbolistas. Noia está envorcada co seu equipo e A Estrada co seu, máis aínda no ano do seu centenario.
Co papel de favoritos chegaron os visitantes, sabedores tamén de que os noieses son un óso duro de roer. Xa llo demostraron nos dous encontros ligueiros e se o equipo de Iván Carril segue xogando a estas alturas da tempada, é por algo.
A última hora caeu Carabán nas filas do equipo de Manuti, por molestias físicas. No seu lugar entrou Óscar no once titular. Minutos iniciais de tenteo, co Estradense tocando máis o balón, pero sen xerarlle problemas aos locais. Iso si, dando sinais de que á mínimo a podía lear. Unha perda na medular do Noia transformouse nunha rápida contra dos visitantes que finalizou Elías cun disparo que repeleu a defensa.
Orde e intensidade
Estaba ben plantado o conxunto de Iván Carril no céspede, presionando arriba e impedindo que os visitantes saísen cómodos co balón. Moita intensidade por parte de ambos. O encontro requiríao, aínda que iso puidese pasar factura máis adiante. A primeira ocasión como tal chegou no 21, un centro de Miguel cabeceouno Óscar, aínda que o seu remate se foi lixeiramente alto.
Pouco despois pisou área rival o Noia. Axel abriu a Facu pola esquerda, o arxentino púxoa no punto de penalti e preto estivo de chegar Aldán a impactar co coiro. Parecía que a pelota comezaba a merodear máis os dominios de ambos os porteiros.
Así chegou o tanto que fixo estalar ao Julio Mato. Moi listo, e non é a primeira vez esta campaña, Facu sacou un córner moi pechado que acabou en gol olímpico, co esférico coándose entre as pernas de Israel. O árbitro anotou na acta que o tanto foi en propia porta de Elías.
Non cambiou o guion do duelo esa acción. Quedaba moito por diante, non só deste partido, xa que resta a volta. Deu o susto o Estradense aos locais cun cabezazo de Raúl que se perdeu pola liña de fondo. Outra vez coa cabeza, e novamente Óscar, motivou a primeira intervención de Chema, que liquidou sen problemas. Iso si, avisaban os de Manuti do seu poderío no xogo aéreo. Pero o marcador non se moveu máis antes do descanso.
Paso adiante
Comezou a segunda parte un pouco máis acougada. Os dous equipos sabían que non había que volverse tolos. Un non quería perder a súa vantaxe e o outro encaixar o segundo tanto. O Noia seguía ben organizado, aínda que agora xa cunha presión máis baixa. O Estradense, aos poucos, foi achegándose á portería de Chema, aínda que este non tiña que intervir. Iso si, a sensación era a de que os visitantes empezaban a buscar máis o empate.
A punto estivo de conseguilo Raúl Martiñán cun disparo desde a frontal que non viu porta por pouco cando o gardameta noiés parecía xa superado. O que conseguiu pór as táboas foi Porrúa. Recibiu na dereita, encarou e acomodoulla na súa zurda para, desde a frontal, conectar un bo disparo que sorprendeu a un Chema que chegou a tocar o balón.
Poucos minutos despois estivo preto de chegar o segundo. Impediuno o poste tras un gran remate de Elías. O panorama cambiara por completo. Os visitantes gañaron confianza e ao Noia entroulle o medo para perder. Ao final, a pesar dunha boa ocasión de Fontes que puido desequilibrar o marcador, a contenda acabou en táboas e a eliminatoria resolverase na Estrada.
?
Chema, Paco, Mario, Piñeiro (Javi Muíño, min 68), Axel (Axel, min 75), Hugo García, Xabi, Aldán, Rubén, Hugo Losada (Iker, min 61) e Facu (Marcelo, min 75).
?
Israel, Landeira, Ander, Raúl (Hugo, min 85), Porrúa (Juanín, min 85), Elías (Prieto, min 85), Óscar (Mella, min 63), Gamarra (Fontes, min 78), Miguel, Brais Vidal e Jaichenko.
GOLES: 1-0, min 27: Elías (p.p.); 1-1, min 74: Porrúa.
ÁRBITRO: Adrián Tallón, asistido por Mario Contreras e César Díaz. Amoestou a Piñeiro, Facu e Javi Muíño no Noia. No Estradense, viu amarela Vidal.
Manuti: «Marcan a balón parado e non pode ser»
Manuti, o técnico do Estradense, lamentouse polo tanto encaixado: «Marcan a balón parado e non pode ser. Sabemos que é un equipo que cando se pon por diante é moi difícil facerlles dano. Tes que estar moi ben porque se non che van a penalizar». Fixo referencia o adestrador a que foi a súa segunda visita ao Julio Mato e, como na anterior, comezaron por detrás no marcador e «logramos empatarlles e acabar mellor que eles. Esa é a nota positiva».
A resolución da eliminatoria será na Estrada, nun escenario completamente diferente. «Temos que saber xogar cos nervios que poidamos ter. Vai haber moita xente e non podemos xogar atenazados. Vai ser outro encontro súpers disputado e o que temos que mellorar é a non encaixar a balón parado».
Iván Carril: «O seu gol nos desordenó un pouquiño»
«A primeira parte e ata o gol foi un partido moi controlado, con moi poucas chegas de eles», apuntou Iván Carril, técnico do Noia, ao finalizar o encontro. Recoñeceu que o tanto de Porrúa foi «un mazazo» e que a partir dese momento «tiveron algunha chegada. Nos desordenó un pouquiño». Na súa análise, Carril comentou que ao Noia lle faltou «ter un pouco máis de calma, de xuntar algún pase máis antes de pornos a correr». Pero, «non pasa nada, estamos dentro da eliminatoria, estivemos todo o intre dentro do choque. Sabemos que alí o imos a remar e ímolo a pelexar», sinalou.
Tamén fixo referencia ao grande ambiente vivido no campo Julio Mato: «Dá gusto. Ao final, xogamos a isto porque nos enganchan ambientes e escenarios como leste. Queremos darlles outra eliminatoria».