Celebración conxunta do Día do Medio Ambiente en Noia con charla de Carracedo

M. X. B. RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

Participarán os institutos Poeta Añón, Virxe do Mar e Xelmírez I, así como o conservatorio noiés e a escola Oitos

05 jun 2024 . Actualizado á 10:32 h.

A rede escolar Climántica é a promotora dos actos que este xoves terán lugar en Noia co fin de conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente. Participarán os institutos Poeta Añón de Outes, Virxe do Mar e Xelmírez I de Santiago; aos que se sumarán o conservatorio de música local e a escola de danza Oito Oitos. O encontro desenvolverase entre as 9.45 e as 13.30 horas no coliseo.

O invitado especial será Anxo Carracedo, xenetista que lidera o proxecto de innovación educativa Erasmus+ que obtivo en España o máximo financiamento por parte da Unión Europea. Ofrecerá unha conferencia sobre este plan, que busca promover a aprendizaxe sobre as consecuencias do cambio climático na saúde debido á perda da biodiversidade polo impacto nas praderías mariñas.

O proxecto, no que participan os tres institutos que se darán cita no Noela, está liderado polo Grupo de Medicina Xenómica da USC.

O encontro no Noela culminará cunha representación teatral sobre unha viaxe no tempo que é froito dun traballo colaborativo no que participaron os cinco centros formativos.