O Rali de Noia contará cun amplo dispositivo para velar pola seguridade de participantes e espectadores

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

La subdelegada del Gobierno, María Rivas, presidió la junta de seguridad del Rali de Noia.
A subdelegada do Goberno, María Rivas, presidiu a xunta de seguridade do Rali de Noia. CEDIDA

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, pide que se respecten a sinalización e as indicacións da organización

17 abr 2024 . Actualizado ás 16:30 h.

A trixésimo oitava edición do Rali Berberecho de Noia comezará este venres coa cerimonia de saída, prevista para as 20.30 horas, desde a Alameda. Para velar que durante a celebración de toda a proba non se produzan incidentes de gravidade contarase cun amplo dispositivo de seguridade. Este mércores, na sede da Subdelegación do Goberno na Coruña, reuníronse membros de todas as entidades implicadas no operativo para ultimar os detalles.

María Rivas, subdelegada do Goberno na provincia, presidiu unha sesión na que participaron responsables da organización do rali, así como da Garda Civil, Subsector de Tráfico, Xefatura Provincial de Tráfico, policías locais, persoal de Protección Civil e representantes dos concellos polos que discorrerá a carreira.

Respectar os sinais

Tras a reunión, María Rivas fixo un chamamento á organización, aos equipos participantes e, moi especialmente, ao público que se congregará na contorna das estradas polas que pasarán os coches para que «sexan respectuosos coa sinalización, cumpran coas indicacións do persoal que se ocupará da seguridade da proba e, no caso dos espectadores, a manterse sempre dentro dos espazos delimitados para eles».

A subdelegada do Goberno tamén aproveitou a ocasión para felicitar á Escuadra Berberecho por organizar a cita, na que participarán un total de 133 pilotos e que supón a terceira proba do campionato galego de ralis. Ademais, quixo celebrar coa entidade o seu 50 aniversario.

Entre os atractivos da carreira, destacou que haberá tres World Rali Car (WRC), con Manolo e Víctor Senra, pai e fillo, e Alberto Otero aos mandos de cada un deles. María Rivas lembrou a Diego Maio, falecido a pasada Noiteboa nun tráxico accidente de tráfico, ao que este anos se lle dedica o Rali de Noia.

No municipio noiés estará a dirección de carreira e o parque pechado, mentres que o parque de traballo quedará instalado en Lousame, por onde transcorrerán dous tramos. A carreira tamén pasará polas localidades de Rois, Ames e Brión.