Leandro Altamirano chega a Noia para reforzar ao Portus Apostoli

Francisco Brea
F. Brea RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

O arxentino de 21 anos procede de Elpozo Murcia e chegou a debutar coa selección albiceleste absoluta

25 jul 2021 . Actualizado ás 17:02 h.

O Noia Portus Apostoli segue engadindo talento ao seu persoal en busca do ansiado ascenso á Primeira División do fútbol sala español. O arxentino Leandro Altamirano únese ao club para, a pesar da súa mocidade —ten 21 anos— achegar a experiencia que lle dá o ter disputado partidos internacionais coas categorías inferiores da selección arxentina e ter pertencido a Elpozo Murcia.

Despois de tres tempadas no conxunto murciano, a á recala en Noia para pórse baixo as ordes de Marlon Velasco. Os noieses destacan que Altamirano aúna tanto sacrificio como talento, e é capaz de «deixalo todo polo equipo e de desequilibrar a calquera defensor coa súa velocidade por banda e a súa habilidade co coiro. Demostrou ser unha das perlas dun fútbol sala arxentino á alza».

Formado no Pinocho Futsal de Buenos Aires, en xaneiro do 2019 puxo rumbo ao filial de Elpozo Murcia, onde logrou sumar minutos, experiencia e un bo rexistro goleador, a pesar de que a pasada campaña as lesións non lle permitiron brillar como en anos anteriores.

Leandro Altamirano compartiu vestiario con Power Raggiati no combinado albiceleste sub-20 que foi subcampión suramericano e do conxunto que participou nos Xogos Olímpicos da Mocidade. Como colofón a ese gran traballo e punto de partida dun futuro prometedor, o preparador do equipo absoluto, Matías Lucuix, fíxoo debutar coa selección de Arxentina.