Eduardo Moledo: «Noia nunca debeu perder o Grumir, porque nas emerxencias, cantos máis sumemos mellor»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

Eduardo Moledo
Eduardo Moledo Adrián González

Afirma que o grupo supramunicipal permitirá dar unha resposta rápida a un importante número de veciños de concellos limítrofes

25 ene 2021 . Actualizado ás 14:23 h.

Tres radioaficionados, José Nine, Enrique Fontano e Eduardo Moledo Arufe (Noia, 1960), que controlaban os coches na carreira do monte Iroite da Escudaría Berberecho, puxeron a semente do que a finais dos oitenta dou pé á formación dunha agrupación de voluntarios, denominada naquel momento de pronto auxilio, pioneira en Galicia. Lembra Moledo, á fronte do colectivo dende 1991, que na comunidade non existía nada semellante: «Viñeron da Xunta para saber como funcionabamos e déronnos unha subvención de cinco millóns de pesetas, cos que mercamos un coche, un remolque, equipos de respiración e roupa».

Co tempo, o grupo profesionalizouse e converteuse en Grumir. Sen embargo, no 2013, a entrada en vigor da reformulación do mapa de emerxencias de Galicia deixou fóra destes equipos a Boiro, Ribeira e Noia. Foi neste último municipio onde maior rexeitamento suscitou a decisión. O Concello asumiu o custe de manter a agrupación para que seguise operando no municipio, sen deixar de reclamar a súa incorporación como Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES). Oito anos despois, esta vella demanda está a piques de materializarse.

-Cumpre tres décadas á fronte do servizo de emerxencias, un camiño cheo de incidencias.

-Cando afundiu o Casón, en 1987, acollemos á xente que viña da Costa da Morte, e estivemos en Malpica cando o naufraxio dos Tonechos. Daquela non tiñamos cargadores para as bombonas de aire comprimido. Teño feito excarceracións en vehículos de Fisterra a Catoira, o equipo para realizalas chegou en 1992 e ata ese momento eu facíaas con pancas e usaba gatos de cremalleira para estricar a chapa. Nós iamos a tódalas emerxencias porque era o que había.

-Que implica que Noia volva ter un grupo de emerxencias supramunicipal?

-Noia nunca debeu perder o Grumir, porque nas emerxencias, cantos máis sumemos mellor. Hai varios factores a ter en conta, como a situación estratéxica do municipio. Ten un radio de acción que permite dar unha atención rápida a unha poboación dunhas 35.000 persoas, residentes nos concellos limítrofes. A xente que está aquí ten experiencia. É unha mellora na seguridade e nos tempos de resposta. Para unha persoa que sofre un contratempo, cada minuto é unha hora. Estes anos nós continuamos traballando como grupo municipal sufragado polo Concello, pero é moi forte que haxa un accidentado en Outes e non poidamos ir socorrelo. Eu fixen un informe sobre os tempos de resposta. Suprimir o servizo supramunicipal de Noia foi un erro.

-Coñecen cal será o seu ámbito de actuación?

-Mentres non se firme o convenio, que supoño que será en breve, non teremos nada claro. Responsables da Deputación comentáronme que son partidarios de que atenda en cada emerxencia o servizo máis próximo. Hai que agardar ata coñecer os detalles do convenio.

-Aumentarán os medios materiais e humanos?

-Nos materiais, algúns incrementaranse e outros repoñeranse. Haberá unha posta a punto. O que máis precisamos é un camión de primeira intervención, porque o que temos leva 13 anos e ten moitos quilómetros amais . Polo que respecta ao persoal, o GES consta de 12 membros, que son os que somos actualmente. Gustaríame que houbera algún integrante máis para cubrir vacacións ou baixas. Os traballadores seguirán estando contratados polo Concello, que recibirá unha subvención que lle permitirá aforrar custes. A cambio, temos que atender as saídas que nos indiquen dende o 112. Se non hai nada, seguiremos facendo servizos en Noia como ata agora.

-Con este cambio, como ve a cobertura na bisbarra?

-Queda cuberta ao cen por cento. Xa tivemos contactos con membros da Xunta, Deputación e 112 para organizar a prestación.

«Desde o anuncio da creación do GES veu xente preguntar como podía facer para poder entrar»

O responsable do servizo de emerxencias afirma que ao volver dotar a Noia dun grupo supramunicipal sáldase unha débeda histórica co municipio.

-Vostede pelexou moito para evitar a desaparición do equipo supramunicipal.

-Paseino moi mal, especialmente cando estaba só. Sempre digo que non se pode mirar atrás, que hai que ir cara diante. Sen embargo, ás veces non podes evitalo. Tantas cousas como fixeramos e que da noite para a mañá che digan que non valeron para nada é duro. Houbo xente que traballou moitas horas sen cobrar. Pensaba nos rapaces, que agora son homes. Foi moi duro. Eu fun falar con todos os alcaldes da zona, por iniciativa propia. Noia sempre foi un centro neurálxico. Teño que dicir que a Xunta sempre nos apoiou, dotounos de material, vehículos e ocupouse de que tiveramos unha base axeitada.

-Os servizos de emerxencias deben ser profesionais?

-Deben estar en mans de profesionais. Nós temos voluntarios e son unha axuda moi importante, pero para cousas programadas.

-Menciona á xente que leva anos no servizo. Existe interese por desempeñar este traballo?

-Desde o anuncio da creación do GES veu xente preguntar como podía facer para poder entrar.

-E a nivel de poboación, como pensa que pode influír?

-Axudamos a mellorar a calidade de vida das persoas porque ofrecemos servizos de auxilio e tamén cotiás. Penso que nos vai chamar máis xente de núcleos pequenos. Hai moitos servizos que prestan os voluntarios, pero eles están cando poden.

-O que desempeñan non é un labor sinxelo.

-É unha aprendizaxe constante, porque cada accidente ou cada incendio son distintos. Hai que saber o que fas e tamén saber improvisar. Non hai un código escrito. A experiencia é un valor engadido. Só con ver un coche accidentado eu sei se hai feridos, pero son moitos anos. Non son cousas que se aprendan nun aula.