Clases de surf? En Noia impártense sen necesidade de mollarse e no ximnasio

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro SEVILLA RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

CARMELA QUEIJEIRO

O Maniotas de Noia ofrece formación especializada para mellorar sobre a táboa aspectos como a coordinación, o equilibrio, a forza e a remada

24 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Só hai que pasarse unha fin de semana por algúns dos areais que serpean a costa entre O Vilar e Portosín para saber que o surf vive en Barbanza a súa propia época de viño e rosas. Parafina, táboas, neoprenos e furgonetas comezan a converterse en contrasinal de praias escollidas de Ribeira e O Son. E como ditan as leis do mercado desde a antiga Cartago, cando hai demanda, a oferta crece e adáptase. E a última proposta son clases de reforzo en seco, sen auga, sen salitre e nun ximnasio. Por raro que pareza.

A iniciativa naceu no Maniotas de Noia, da man dun Chema Salanova que cando Barbanza era aínda un baldío de surfeiros, el era un dos poucos que baixaban a Arealonga a domar o mar. «Os exercicios que preparamos teñen unha transferencia directa co que é a práctica do surf. Buscamos, entre outras cousas, corrixir eses erros que moitas veces saen por malos hábitos», explica o barbancés, que desvela que a proposta funcionou á perfección.

Un dos seus alumnos é Pablo Augado, responsable da escola As Furnas, que non dubidou en sumarse: «Agora no inverno véñennos moi ben. Ao ter menos horas de luz é un bo reforzo para manternos nun estado de forma óptimo. Hai semanas que as condicións do mar son complicadas e aquí compensamos esa falta de saír a surfear».

Os traballos escollidos buscan que logren máis soltura na remada para así poder coller as ondas no momento idóneo. «Queremos que consigan ese punto de forza e explosividad para que entren na onda coa marxe suficiente para pórse de pé. Se non estás áxil e explosivo, é difícil collela ben», afirma Salanova.

Diversidade

Os exercicios que poñen en práctica fundaméntanse en gomas, pesas ou equilibrios sobre balóns ou táboas. «Se surfeas só a fin de semana, ou cando o traballo cho permite, tamén che vén ben para estar en forma. Isto tradúcese en que o día que vas á auga non vas estar lento nin pesado. Permíteche manterche nunha condición física boa e gozar moito máis de deporte», explica o técnico, que entende esta proposta é só un complemento: «Non hai nada como estar ao aire libre, no medio da natureza. Para aprender a surfear necesitas baixar ao mar, remar e manter o equilibrio. Iso sin duda».

Pablo Augado tamén o ten claro: «Moitos rapaces do noso equipo veñen. É como ximnasia de mantemento para estar en bo ton. Sérvenos para mellorar a forza, a flexibilidade ou o equilibrio. Iso é o que máis necesitamos cando estamos na praia».

Os circuítos

Para Chema Salanova a clave está na variedade da proposta: «Traballamos de xeito integral todo os aspectos fundamentais do surf e imos cambiando de exercicios todos os días. Practicamos desde carreira continua ata boxeo, taekuondo, exercicios de forza ou circuítos. Hai 50.000 cousas diferentes que se poden facer».

Para Salanova, o mellor é que puido crear un grupo interesante «que axuda a darlle un impulso máis ao surf. Porque podes andar leado para ir á praia, pero igual si podes pasarche dous días á semana polo ximnasio para estar rápido e áxil».

A industria do surf segue crecendo. E o que hai anos era un páramo ermo de táboas, hoxe é unha pequeno sector que crece a pasos axigantados. Non só con escolas e shapers, senón cunha cadea que chega a terra firme. Mesmo a Noia, onde o surf se fai en seco e nun ximnasio.