Oportunismo

Alicia Fernández

NOIA

17 feb 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Chámeme vostede suspicaz ou desconfiada, pero a visita do presidente da Xunta á confraría de Noia cheira a rancio. Máis do mesmo, do de tantos anos. Feijoo, adaíl da contención e o recorte, estampa progre dos conservadores, usa métodos e prácticas que xa Castelao ?ao que mesmo enarbora? fustigaba hai un século no barbeiro municipal.

Incongruencias do político galego ao uso. Porque mira que non terá tido tempo de pasarse pola Meca do berberecho. É máis, xa postos, ben podería ter aceptado hai tempo a reclamación da confraría ?esa que agora, tribunais por medio, traen como presente? e evitar os prexuízos da demora aos mariscadores e á propia entidade.

Pero talvez o máis repetitivo e caduco é ese discurso tan ramplón como irreal do que bos somos, que ben o facemos e que ben nos vai. Algo que renxe moito máis en quen se vende , e véndenos , como tecnócrata máis que político. Tamén pode ser, en política non o descarto, que nos amenta ao macho ou que falase con retranca.

Que co que nos custan os seus periplos por medio mundo aparenta vostede moi pouco viaxado. Pois por simple comparación do que se coce para arriba dos Pireneos ?mesmo nalgúns lugares máis abaixo do Estreito? daríase conta de que non somos bos, non o facemos ben e que así nos vai. Podería tirar dun puñado de parámetros para sustentar a miña afirmación, pero por falta de espazo resumireino só nun: a rendibilidade media por metro cadrado de concesión segue sendo penosa e a actividade do marisqueo limítase practicamente á recolección. ¡Como fai cen anos!