Amicos finaliza en Lousame a súa viaxe pola comarca para dar visibilidade ao autismo

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

LOUSAME

CARMELA QUEIJEIRO

A mostra da asociación visitou Ribeira, Porto do Son, Boiro, Rianxo e Noia

07 may 2024 . Actualizado ás 15:20 h.

Tras máis dun mes de travesía por diversos municipios da área de Barbanza, a exposición informativa de Amicos sobre o trastorno do espectro autista tivo en Lousame a súa última parada. Para acoller a inauguración da mostra acudiron o director xeral de Familia e Infancia, Jacobo Rey ; a alcaldesa, Teresa Villaverde; a concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, e o primeiro tenente de alcalde, Ramón Martínez. Tamén asistiron alumnos do CPI Cernadas de Castro.

O acto arrincou cunhas palabras da vicepresidenta de Amicos, Digna Iglesias . Destacou o papel dos usuarios do centro «por facer posible esta viaxe co que achegar o autismo aos veciños». Tamén agradeceu o seu labor aos concellos e colexios da comarca «por participar nesta iniciativa de sensibilización que axuda a coñecer e normalizar o TEA».

Tras ela, a rexedora de Lousame puxo en valor tanto a iniciativa como o labor da asociación barbancesa «para apoiar ás persoas que teñen trastorno do espectro autista, entre outros». Así mesmo, fixo fincapé na importancia dunha sociedade «inclusiva e igualitaria, na que se acepte a cada persoa respectando as súas particularidades».

Atención de calidade

Mariana, Eric, Fran e Aroa, alumnos do Centro de Educación Espacial de Amicos, leron un manifesto no que incidiron na importancia de aceptar as diferenzas de cada un e na necesidade dunha educación na que o alumnado «reciba unha atención de calidade e o máis personalizada posible».

O director xeral de Familia e Infancia foi o encargado de pechar o acto. Rey afirmou que desde a Consellería de Política Social e Igualdade están «encantados de participar nesta iniciativa nun concello ao que lle temos tanto cariño como Lousame». O representante do Goberno autonómico resaltou a importancia da exposición impulsada por Amicos para «seguir fomentando a concienciación e o coñecemento sobre o autismo, un trastorno que afecta a, aproximadamente, o 1 % da poboación, aspecto no que se ten avanzado moito nos últimos anos».

«Favorecer a inclusión de todas as persoas é un deber da sociedade», sinalou un Jacobo Rey que puxo en valor a colaboración de diferentes institucións e entidades para «que sexa máis sinxelo favorecer a concienciación». A xornada finalizou cos pequenos do Cernadas de Castro e do centro de Amicos xogando xuntos no parque, demostrando que «o xogo é a mellor forma de inclusión».

A exposición da asociación barbancesa visitou Ribeira, Porto do Son, Boiro, Rianxo e Noia antes de chegar a Lousame.