Francisco Martínez: O barbancés que colecciona árbores

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. branco RIBEIRA / LA VOZ

LOUSAME

marcos creo

A partir de sementes, logrou reunir unhas 130 especies en dúas leiras de Lousame

16 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Non hai límite para os obxectos susceptibles de formar parte dunha colección, aínda que o habitual é que quen profesan esta afección se decanten por pequenas pezas que gardan en álbums ou caixas. Pero sempre hai excepcións e Francisco Martínez Calvo (Lousame, 1948), máis coñecido como Mozo, é unha delas. A súa paixón son as árbores, así que se lanzou a reunir especies de todo o mundo e xa ten unhas 130 diferentes repartidas en dúas leiras. Obtivo todas elas a partir de sementes que coida con mimo ata que logra sacar adiante as plantas.

Carpinteiro xubilado, Mozo non sabe pórlle punto de partida á súa afección polas árbores: «Lembro que ía coa miña avoa ás romarías e sempre estaba pendente do monte, daquelas especies que non foran o clásico piñeiro, tan típico de aquí. Logo, saía da escola e ía correndo para coller sementes e plantalas». E así creceu, ata que foi adquirindo coñecementos sobre os diferentes exemplares, seleccionando mentalmente aqueles que máis chamaban a súa atención e tratando de conseguir as súas sementes. Para iso, acudía a tendas especializadas, aproveitaba excursións e mesmo ten recorrido a unha firma de Francia .

Á colección da que agora presume empezou a darlle forma hai medio século: «Empecei con castiñeiros, aproveitando que os regalaban e logo viña un axente forestal para comprobar que realmente foran plantados». Un viveiro de Sigüeiro e unha zona experimental que Icona tiña no monte Iroite foron algúns dos lugares nos que Mozo fixo provisión de sementes. Tamén as persoas da súa contorna apoiárona nesta causa: «Meu pai, a través da carpintería que tiña, traballaba con frecuencia na zona da central do Tambre e alí había moitos cedros. Aproveitaba para traerme piñas».

De todas as especies que viu crecer nos seus terreos, asegura que polo cedro sente unha especial predilección: «Non desprezo ningunha árbore, pero teño que recoñecer que esta encántame, sobre todo polo seu proceso de crecemento. Teño de feito catro variedades distintas». Asegura que ata ao eucalipto mírao con cariño: «O que non me gusta é o sistema de produción que se segue. Din que en 12 ou 15 anos dá madeira, pero con ese tempo o que hai é pasta de papel. Para a madeira de verdade hai que esperar 50 ou 60 anos, polo que é mellor esperalos por un castiñeiro, do que se obtén madeira de primeira calidade».

Cara ás araucarias mira admitindo que son «árbores fermosas, pero con madeira de pouco valor» e da secuoya destaca a súa elegancia. Desta especie ten un exemplar de máis dun metro de diámetro, co que admite que mesmo fala algúns días: «Cando paso por xunto dela doulle unhas palmadas e pregúntolle como lle vai».

Retos imposibles

Pino negro, unha especie típica dos Pireneos e de Córsega; diversos tipos de nogueiras; cerdeira española e americano; catro variedades de fresno; outras tantas de carballo; un eucalipto de madeira vermella e outro de madeira rosada; o tulipero de Virginia... A Chico cústalle lembrar todas as árbores que ha ir engadindo á súa colección particular. Ten claro que as últimas incorporacións son dúas nogueiras de acio que empezaron a brotar: «A ver se os dou logrado». Unha tarefa que ás veces non é doado. Anteriormente intentouno sen éxito con exemplares foráneos que chamaban especialmente a súa atención: «Un amigo tróuxome sementes de baobab e quedei todo contento cando xerminaron, pero as plantas morreron despois. Tamén conseguín sementes de caoba e samán, pero non foron arriba, podreceron antes de brotar».

Francisco Martínez tamén ten un bo número de camelias e froiteiras: «Busco especies propias desta zona que están desaparecendo, como algunha variedade de mazá e claudia ou a nespereira europea, que ninguén quere porque o froito é incomestible». Mesmo ten a súa propia sala de experimentos, nos que prepara enxertos.

A gran colección de árbores de Mozo non pasa desapercibida. Hai quen se interesa por visitala e mesmo elaborou uns carteis cos nomes das especies, o vulgar e o científico, que ten pendentes de colocar. Pero o seu gran obxectivo é seguir ampliándoa.