
Os equipos de extinción evitaron que os focos se estendesen
06 ago 2025 . Actualizado á 19:16 h.As altas temperaturas non dan tregua, e os incendios tampouco. Desde o lume forestal que o sábado arrasou preto dunha trintena de hectáreas en Porto do Son os avisos por novos focos repítense a diario, ás veces por duplicado. É o que ocorreu este mércores pola mañá, cando saltaron as alarmas en Boiro e en Ribeira. Pola tarde rexistrouse un terceiro conato en Rianxo.
O primeiro incendio orixinouse a beiras da estrada provincial DP-1104, na fronteira de Boiro con Lousame, preto de O Confurco. A alerta saltou pasadas as sete da mañá e de inmediato activouse un dispositivo de extinción no que participaron, segundo os datos da Consellería do Medio Rural, dous axentes forestais, cinco brigadas e tres motobombas.
O rápido despregamento de medios na zona, xunto coa ausencia de vento nas primeiras horas do día, permitiu atallar o lume con rapidez e cara ás 10.50 horas estaba estabilizado. Fontes da Consellería do Medio Rural indicaron que o lume non tivo demasiada entidade, aínda que non contaban con datos da superficie afectada.
Cando as chamas estaban practicamente sufocadas en Boiro recibíase un novo aviso, nesta ocasión no municipio ribeirense.
Medios aéreos
Pouco antes das once da mañá deste mércores informábase dun incendio forestal na localidade de Corrubedo, concretamente no lugar do Corgo. Medio Rural despregou na zona un amplo dispositivo formado por un axente, unha brigada forestal, dúas motobombas, un helicóptero e dous avións.
A intervención dos medios aéreos facilitou a extinción do lume, que á unha da tarde estaba xa estabilizado, afectando a unha superficie rasa de matogueira e pasto. Nos traballos tamén colaborou o persoal do GAEM de Ribeira, que interveu con ferramentas manuais para frear o avance das chamas.
Xa pola tarde, rexistrouse outro conato na parroquia rianxeira de Taragoña, no lugar dAs Pedriñas, próximo a vivendas. Unha brigada, un axente forestal, os bombeiros de Boiro e os propios veciños lograron conter o lume rapidamente.
Xa pola tarde, rexistrouse outro conato na parroquia rianxeira de Taragoña, no lugar dAs Pedriñas, próximo a vivendas. Unha brigada, un axente forestal, os bombeiros de Boiro e os propios veciños lograron conter o lume rapidamente, que en pouco máis dunha hora estaba controlado. As chamas afectaron a 0.09 hectáreas.
Son xa cinco xornadas de chamadas diarias alertando da existencia de incendios en distintos puntos da comarca. Desde os equipos de emerxencias lembran que se alguén ve fume no monte pode alertar a través do número 085 ou ben no 112. Nos próximos días, o índice de risco de incendio seguirá sendo alto en practicamente toda a área barbancesa.