Goles solidarios e moi bo ambiente en Boiro

f / Brea RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

O equipo de Cespón fíxose coa vitoria no terceiro Torneo Solidario Interparroquial, no que todo o recadado dóase a Asanog

29 jun 2025 . Actualizado á 17:46 h.

A intensa calor xogou unha mala pasada ao terceiro Torneo Solidario Interparroquial de Boiro. As altas temperaturas provocaron que as bancadas das instalacións deportivas de Vista Alegre non estivesen tan cheas como en anteriores ocasiones pero, aínda así, moitos veciños animáronse a pasar a tarde gozando do fútbol e colaborando cunha boa causa, xa que todo o recadado dóase á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (Asanog).

A organización acabou satisfeita polo transcurso da cita e o apoio recibido. Aínda que saben que a recadación vai ser inferior á acadada na pasada edición, na que se superaron os 11.000 euros, estiman que venderon unhas catro mil rifas, coas que os portadores participaron nos sorteos que se realizaron durante a tarde. Foron 127 os agasallos que se repartiron, todos eles doados por empresas de Boiro e doutras localidades.

«Houbo moi bo ambiente, a xente pasoullo moi ben», apuntou Lara Buig, membro da organización do torneo. Tamén quixo agradecer o gran traballo realizado polas voluntarias da EFM Concello de Boiro que colaboraron no desenvolvemento da cita: «Axúdannos moitísimo e nunca fallan». Así mesmo, deulle as grazas «a todos os veciños que viñeron a Vista Alegre e aos patrocinadores e negocios que nos axudaron».

No aspecto deportivo, a final disputárona o equipo da parroquia de Cespón, patrocinado polo restaurante Arume, e o conxunto de Macenda, patrocinado pola Terraza do Furancho. A vitoria levárona os de Cespón, aínda que o triunfo real foi para os nenos e as familias coas que traballa Asanog.