Blas García, alcalde de Ames: «Seremos o goberno con máis investimentos na historia do Milladoiro, 15 millóns»

emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

BOIRO

XOAN A. SOLER

O rexedor di que deixará o cargo se perde «o cariño e o respecto da xente»

25 may 2025 . Actualizado á 20:56 h.

José Blas García Piñeiro (Boiro, 1969) é alcalde de Ames polo PSOE desde o 2021, sendo cabeza de lista por vez primeira neste mandato, no que apostou por gobernar en solitario despois de oito anos de coalicións con partidos de esquerdas. Defende a limitación de tempo nos cargos, co matiz de que os prazos nos concellos sempre son distintos. No seu caso, lembra os fondos europeos por xestionar e mantén a idea de volver a presentarse no 2027 e engade: «Estarei aquí mentres a xente me amose o seu cariño e o respecto pola rúa e valore o meu traballo».

—Como está sendo este goberno en minoría nestes dous anos?

—Fago un balance de moito traballo e moi positivo, pero penso nos dous anos que quedan e que van ser cruciais polas apostas que estamos facendo, sobre todo pensando nesas grandes obras do Milladoiro. As que estamos acometendo e as que se van acometer farán que sexamos o goberno que máis investimentos faga na historia do Milladoiro, uns 15 millóns de euros.

—A humanización do Milladoiro rematará neste mandato?

—Si, si. Cumpriremos os prazos se non hai ningunha cousa estraña. Agora mesmo, unha parte xa ten as beirarrúas feitas, e agardo que no primeiro semestre do vindeiro ano estean rematadas e a xente poida gozar na súa plenitude desta humanización que, por un lado, xerou tanta controversia nun sector, incluso político, con partidos que se sacaron a foto cando fixemos a presentación e que despois sumáronse ás manifestacións.

—Que máis lle fai falta ao Milladoiro para desterrar as críticas e as diferenciacións que a xente percibe respecto a Bertamiráns?

—Hai un concepto moi equivocado con iso. Hoxe non hai máis problemas no Milladoiro cos que hai en Bertamiráns ou en calquera outro lado, pero O Milladoiro necesita quitar eses vinte mil vehículos diarios da N-550. A humanización vai crear unha gran transformación cara a un núcleo máis vivible e sostible. Eu penso que esta vai ser a gran obra que transforme O Milladoiro, pero temos que facer máis cousas.

—Cales serían?

—Unha promoción dos baixos e dos comercios que hai e dos que poden abrir no futuro. E, sobre todo, facer un apoio importante para a rehabilitación das fachadas dos edificios que hai en toda a avenida Rosalía de Castro.

—Ames ten dous núcleos urbáns moi distintos e moito rural. Como se goberna un concello así?

—Eu sempre digo que en Ames somos tres concellos. E nós sempre procuramos desde o goberno repartir equitativamente en función da poboación, tendo en conta que o rural estaba moi esquecido cando nós chegamos ao goberno. Agora, o cambio pódese ver ao visitar os case 120 núcleos rurais que hai. Non fixemos actuacións en todos, pero si na gran maioría. E nos núcleos urbanos, un dos nosos obxectivos, sen dúbida, é que haxa unha convivencia entre os dous porque, agora mesmo, Santiago absorbe a poboación do Milladoiro e de Bertamiráns para que vaian alí, pero estamos traballando para mudar iso, que O Milladoiro vaia a Bertamiráns e Bertamiráns vaia ao Milladoiro.

—A recollida de lixo é un dos servizos máis importantes dun concello. Que vai pasar con Ames tendo en conta os problemas que hai con Serra do Barbanza?

—Se hai algo que como alcalde me quita o sono é o tema do lixo. Preocúpame porque hai un cambio normativo que fai que os concellos, si ou si, teñamos que incrementar as taxas pola recollida, porque temos que pagar en función do lixo producido. Nós estamos traballando nesa ordenanza fiscal, e se temos que repercutir iso no recibo, loxicamente hai que facer unha mellora no servizo, con novos camións e contedores, máis puntos de recollida, máis reciclaxe e incluso poñer bonificacións se produces compost. Para iso temos que ter un estudio de gastos, e xa o estamos a facer como xestor propio, independentemente da Mancomunidade Serra do Barbanza, e levar o lixo a Sogama. A nosa idea é saír da Mancomunidade tal e como está concibida, pero iso é algo que temos que decidir entre todos os grupos políticos.

«O parque de bombeiros é unha das decepcións do mandato»

Ames é o municipio con máis poboación da área metropolitana agás Santiago, concello co que comparte especialmente o proxecto do parque de bombeiros.

—Dicía que o problema do lixo estalle a quitar o sono. O do parque de bombeiros por aí andará...

—O parque de bombeiros é unha das grandes decepcións que teño neste mandato. Había o compromiso da alcaldesa de Santiago de que iamos comezar con el a principios deste ano, pero estamos case en xuño e non hai un paso dado. O que hai é un cambio de Santiago, que parece ser que pide máis. Eu non o entendo. A gran decepción que teño coa alcaldesa é a falta de información. Tamén digo que cando nalgunha ocasión pedín a intervención dos bombeiros houbo colaboración plena, pero ao final, por todos os pasos que hai que dar, chegaron antes os bombeiros de Boiro cós de Santiago. Cando comezamos a falar do parque comarcal, Ames tiña 15.000 veciños, e agora o dobre. O problema é que como agora estamos traballando nesta dirección, tampouco podemos abrir outros abanicos, pero hai que mover ficha. Ames está disposto a ceder unha para un parque comarcal.

—Xa falando do PSOE. Vostede foi dos primeiros que cuestionou o expediente aos edís críticos de Santiago. Como valora a súa recente expulsión?

—Son dos que pensa que no partido temos que construír a unidade, non destruíla. E o que se fixo en Santiago foi destruír a unidade. Quedarnos con dous edís no grupo socialista e con catro fora, axúdanos en algo? A cidadanía de Santiago venos como alternativa de voto? Eu penso que non. Eu opino disto porque aos socialistas en Ames aféctanos co voto no Milladoiro, porque moita xente está máis empapada pola realidade de Santiago que pola de Ames. Nas últimas eleccións, gañamos en todas as mesas de Bertamiráns pero no Milladoiro non houbo ese resultado.

—O PSOE de Ames tamén tivo o seu propio cisma...

—Eu non botei a ninguén do PSOE, unha persoa decidiu marchar por non ir na lista. Para min, que estou no meu dereito de facer esa lista, é moi importante o traballo en equipo e o bo ambiente. Agora somos unha piña.