Rescatan unha nena de burro de poucos días en Boiro

La Voz RIBEIRA

BOIRO

Cedido

O animal caeu a un arroio desde unha altura duns dous metros

01 may 2025 . Actualizado á 17:08 h.

Non foi unha proeza nin un rescate complicado, pero a intervención do equipo de emerxencias de Boiro permitiu salvar unha vida este xoves, a dunha nena de burro. A voz de alarma deuna un ciclista que ao pasar pola zona da Figueira viu o animal indefenso metido nun arroio do que non lograba saír.

O burro ten apenas uns días de vida, de feito custáballe aínda manter o equilibrio sobre as súas patas. Ao parecer, atopábase nunha leira elevada sobre o vial que vai ao núcleo da Figueira, na zona montañosa de Boiro, onda a súa nai e outros dous exemplares. A parcela está cercada por un valo, pero parece que a nena puido coarse por algún buraco e acabou precipitándose desde unha altura duns dous metros e acabou no arroio.

Non se sabe canto tempo puido estar o animal metido no regacho ata que o ciclista deu o aviso: «Se non chegan a atopalo morría alí». Cando chegaron os integrantes do equipo de emerxencias estaba xeado, aínda que aparentemente non presentaba feridas. Colléndoo en brazos sacárono da auga e levárono de novo onda a súa nai, culminando un feliz rescate.