Renovación do goberno caciquil de Boiro no comezo da II República

Milagros Torrado

BOIRO

CEDIDA

Veciños de grande actividade sindical e política pediron ao gobernador que cambiase o executivo local

01 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Tan só tres días despois da proclamación da II República, o 17 de abril de 1931, varios veciños de Boiro, de grande actividade sindical e política, remítenlle unha carta ao gobernador da provincia da Coruña pedindo un cambio de goberno para evitar que seguise a ser esta unha vila gobernada por caciques. Nela, Juan Somoza Rebollido e José Hermida Budiño expoñen o seguinte: «Que sendo ata o de agora esta vila dominada por uns caciques que ao seu gusto e vontade mangoneárona con miras sempre egoístas e escollían sempre para o concello xente que, aínda que nalgúns casos honrada, disposta sempre a firmar sen titubeos o que a eles lles conviña, para os seus fins e egoísmo persoais. Entendendo que co réxime republicano debe desaparecer este estado de cousas, mandámoslle a vostede os nomes dalgúns cidadáns honrados e de orde por se a vosa señoría quixese usar os seus servizos para o ben desta vila, da república e da patria. Se vostede manda algún delegado da súa autoridade a constituír a nova corporación, poñémonos ás súas ordes para xestionar a colaboración de homes honrados con todos os informes e garantías que sexan precisas».

A continuación, facilitaban unha lista de candidatos para formar ese novo goberno, no que figuraban 16 homes que declaraban que «crían de boa fe que a destrución do caciquismo sería o máis grande favor de vostede lle faría a esa sufrida vila».

Industriais e labradores

Nesta lista aparecen como industriais Manuel Benigno Pena, Juan Castro Sánchez, Rosaro Rebollido, Ricardo López Pensado e os propios autores da misiva. Forman tamén parte dela os labradores podentes Agapito Torrado, José Benito Fajardo, Ruperto Lapido, Miguel Piñeiro Tarrío, Manuel Silva e Manuel Brión; os obreiros Ramón García Coto e Manuel Vázquez; e o médico Joaquín González Mato. Case todos eles vencellados ao sindicato La Fraternidad.

O gobernador da Coruña non proclamou de forma unilateral estes cidadáns como o novo goberno de Boiro, pero algún deles si chegaron a estar nel durante período republicano. Dos integrantes desta lista creada no 1931, atopamos a Manuel Silva como segundo tenente de alcalde durante os anos 1931, 1932 e 1935 pola Federación Gallega, e como Republicano Radical a Gabriel Ozores como síndico suplente no 1936 e a Manuel Brión como concelleiro no 1936.

Os asinantes da proposición tamén chegaron a formar parte da corporación. Por unha banda, José Hermida Budiño foi concelleiro nos anos 1931, 1932 e 1935, pola Federación Gallega e como Republicano Radical. Juan Somoza Rebollido chegou a ser alcalde polo PSOE. Isto ocorreu en marzo do 1936, despois de estar encarcerado por un consello de guerra consecuencia de varios incidentes durante as eleccións do 1933. Entre estes incidentes, hai constancia dunha causa formada polo Xulgado de Noia contra el e outros cinco implicados nunha pelexa con armas de fogo na que resultou ferido un veciño. O seu mandato sería curto, pois a consecuencia do golpe de estado viuse obrigado ao exilio a Arxentina, do que non puido volver ata a morte do ditador. Pasou os seus últimos anos en Boiro, onde faleceu en 1985.