Un incendio arrasou 13 hectáreas de monte raso na Pobra

A. L.

A Pobra do Caramiñal

CEDIDA

Durante a noite rexistráronse outros dous lumes en Porto do Son e Boiro

14 sep 2020 . Actualizado ás 22:37 h.

Os incendios regresaron esta noite aos montes barbanceses, onde os equipos de extinción tiveron que empregarse para sufocar tres lumes na Pobra, Porto do Son e Boiro. Pasadas as 22.30 horas alertábase da presenza dun foco no monte pobrense da Curota, na parroquia do Lesón, e ata alí se trasladaron dous axentes, oito brigadas e catro motobombas da Consellería de Medio Rural, así como persoal de Protección Civil da Pobra. Finalmente, sobre as seis da mañá dábanse por extinguidas as chamas, despois de arrasar 13 hectáreas de monte raso.

Na parroquia sonense de Miñortos tamén se sufocou outro incendio que se iniciou ao redor da medianoite e que estivo activo dúas horas. Un axente, unha brigada e unha motobomba desprazáronse á zona para sufocar o lume, que queimou 500 metros cadrados de arboledo. Un pouco máis, 900 metros cadrados, foi a superficie afectada polas chamas na parroquia boirense de Cures, ata onde a Consellería de Medio Rural desprazou un axente, unha brigada e unha motobomba. A alerta do lume recibiuse á 01:35, e quedou apago pasadas as catro da madrugada.