Enrique Maceiras: «O reto máis grande que temos é a rexeneración dos bancos»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

A Pobra do Caramiñal

dani gestoso

Vén de coller as rendas da entidade pobrense despois de catro anos como man dereita de Juan Miguel Iglesias

02 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Enrique Maceiras leva apenas uns días como patrón maior da confraría de A Pobra, pero non é, nin moito menos, un recén chegado aos órganos reitores da entidade. Ás súas costas ten unha longa traxectoria despois de 12 anos como presidente da agrupación de mariscadores e catro como vicepatrón. Agora deu un novo paso á fronte para coller as rendas da entidade: «Era o que me faltaba por facer... Por aí debería pasar todo o mundo, saber o que é estar na toma de decisións e ter a responsabilidade de xestionar».

-Vostede xa foi vicepatrón primeiro no mandato anterior, iso facilitará as cousas á hora de poñerse ao día...

-Os primeiros días están a ser bastante movidos, caes un pouco de novo en todo. Claro que non é o mesmo que se nunca estivera nun órgano reitor, o básico sábelo, pero hai cousas das que se ocupa o patrón maior e hai que ir adaptándose.

-Pero coñece ben a entidade, cales son os retos que ten por diante a confraría nos vindeiros catro anos?

-O reto máis grande que temos é a rexeneración dos bancos marisqueiros. Houbo moitísima mortaldade tanto de ameixa fina coma de berberecho e non dan recuperado. E logo temos que seguir coa batalla para que se abra o peirao, porque non hai outra opción. Dicía o presidente de Portos que non era solución porque con iso os bancos non se ían recuperar de forma inmediata, iso sabémolo, pero hai que parar o deterioro porque se non o facemos non vai quedar nada.

-Por onde ten que empezar a recuperación das zonas produtivas? Hai algún punto especialmente delicado?

-A rexeneración xa empezou no anterior mandato facendo aportes de áridos na parte de marisqueo a flote do Areal, e tamén se fixo algo na zona da Ribeiriña e A Mercé. A rexeneración ten que vir por intentar restablecer o berberecho e a ameixa fina e a babosa, porque agora practicamente temos só xapónica. É moi importante recuperar esas especies que están case desaparecidas.

-Por que desapareceron?

-No caso do berberecho, pola marteilia, un problema que é extensivo a toda a ría. Tamén houbo unha mortaldade masiva de ameixa fina. Son especies autóctonas e a Xunta tería que axudarnos a recuperalas. Sabemos que se está estudando o tema, pero aínda non vemos resultados.

-Falaba antes do problema que existe no peirao e da necesidade de abrir canles que favorezan as correntes, solicitou xa algunha reunión coa consellería?

-Aínda non, pero esta é unha demanda que hai que manter porque é moi importante para recuperar a produción.

«A de Rañeir@s é a mellor opción»

Un proxecto do que se fala desde hai tempo e que abandeirou o anterior patrón maior pobrense é o da centralización das vendas do bivalvo extraído polas confrarías do norte da ría de Arousa. A iniciativa segue pendente e Enrique Maceiras aposta por ela, pero con matices.

-Seguirán adiante coa proposta de centralizar as poxas?

-Nós mantemos esa idea. A nosa proposta de central de vendas sería ter na lonxa de Ribeira un punto físico único para a comercialización do produto, pero que cada confraría xestione os ingresos correspondentes, mantendo as porcentaxes das vendas que corresponden a cada unha. Ultimamente estase falando deste tema cun plantexamento que non é o que nós pretendemos.

-Pero teñen algunha proposta alternativa sobre a mesa?

-Non, proposta formal non hai ningunha, que eu saiba, pero insisto en que a nosa idea segue a ser facer a central e que cada confraría xestione a súas vendas e perciba as súas porcentaxes.

-Outro tema que está de plena actualidade é o do plan de xestión do libre marisqueo.

-Eu acabo de aterrar no posto e o que estivo xestionando todo o relativo ao plan para o libre marisqueo foi o anterior patrón maior. Nós unímonos á proposta de Rañeir@s da Ría de Arousa porque consideramos que era a mellor opción e sigo pensando o mesmo. Só tiven ocasión de acudir a unha reunión sobre o tema desde as eleccións e o que sei é que se convocou ás demais confrarías para explicarlles o plan e que puideran sumarse e non acudiu ninguén. Cos datos que teño sigo pensando que a de Rañeir@s é a mellor opción.

As ventas na rula ribeirense melloraron a facturación do sector de a flote

Á espera de ver se sae adiante o proxecto para constituír unha central de poxas que aglutine as capturas das confrarías desta marxe da ría de Arousa, parte dos produtores pobrenses trasladaron as súas vendas á lonxa de Ribeira hai un par de anos e o resultado está a ser positivo. Enrique Maceiras explica que aínda non tivo tempo de analizar as contas do pósito con detalle, pero parece que o sector de a flote gañou co cambio ao mellorar os seus ingresos.

«O que comentan os mariscadores de a flote, que son os que venden en Ribeira, é que si notaron unha melloría dos prezos, sobre todo na ameixa, ao ir para Ribeira», explica o novo patrón maior. A pesar diso, o sector de a pé non seguiu o mesmo camiño e segue vendendo maioritariamente na rula pobrense.