Rianxo tinguiuse de azul e branco para honrar a súa férrea tradición mariñeira

BARBANZA
O pobo regresou ao 1925 co Feirón, que abarrotou as rúas de postos de artesanía, xente, música e, sobre todo, moita festa
19 sep 2025 . Actualizado a las 08:58 h.Ninguén pode negar que as da Guadalupe son unhas festas con maiúsculas que enchen Rianxo todos os días de actividade pero, sen dúbida, a artillería sae nesta recta final. Aínda que a despedida co canto colectivo da Rianxeira é o emblema da festa, o Feirón Mariñeiro non lle queda atrás, pois colleu moita sona nos últimos tempos e cada ano ateiga o pobo de veciños e visitantes. Tanto, que este xoves foi complicado atravesar as rúas do casco antigo nas que se montaron os postos de artesanía que rememoraban un mercado de oficios propio de principios do século XX.
A festa comezou pola mañá e prolongouse ata a noite, tinguindo a vila de branco e azul coa tradicional vestimenta que manda nesta celebración na que participan desde os máis cativos ata os máis maiores, pois no Feirón a idade non é ningún impedimento para desfrutar ao máximo.

O sol brillou e os rianxeiros puideron lucir os seus traxes mariñeiros durante toda a xornada. Os homes, ataviados con pantalón azul e camisa branca, e as mulleres, con saia larga e pano. Aínda que tamén predomina o branco e o azul, na poboación feminina a indumentaria é máis variada que na masculina. De feito este ano houbo moitas cabeleiras con diademas de flores.
A maioría da xente concentrouse na praza da Igrexa e nas rúas do Cabo da Vila, coa zona do Berberecho como un dos puntos claves do Feirón, onde varios espontáneos animáronse a cantar e a tocar para animar o ambiente. A rianxeira soou en cada recuncho, e non faltou o Pájaro pinto, o himno oficioso deste día. As gorxas foron ben adestradas para unha longa xornada de festa. E tamén as pernas, pois o que máis e o que menos atreveuse a botar un picado ou algún outro punto —sinxelo— do baile tradicional galego aínda que non fose afeccionado a el.
A sesión vermú correu da man do home orquestra, Zé Orquestra Pantasma, que percorreu as rúas cos seus instrumentos itinerantes. Tamén actuou o grupo Alaska na praza Castelao e conxuntos de música tradicional atravesaron a feira con gaitas, bombos e pandeiretas.
Postos de comida e artesanía
Os que acudiron ao Feirón de xeito improvisado ou sen o look axeitado para a ocasión tiveron a oportunidade de mercalo nos postos, nos que había de todo un pouco. Moitos de comida, pero tamén de roupa, coiro, bixutería, instrumentos tradicionais e outros moitos produtos feitos de forma totalmente artesanal.
Calquera oco na rúa foi bo para coller folgos e repoñer forzas. Os veciños do casco vello mesmo sacaron as mesas ao exterior para comer ao aire libre e gozar do ambiente que se respira no Feirón, no que, quen queira vivir a Guadalupe é benvido.
O broche a este día de reencontros e festa rachada púxoo a homenaxe máis espontánea e sentida que o pobo de Rianxo brinda á Moreniña, cantando todas as gargantas de xeito simultáneo A rianxeira nos xardíns da Ribeira.
O icónico canto colectivo coa única luz das bengalas
Os rianxeiros despediranse este venres da Guadalupe por todo o alto, coa gran traca final da Rianxeira cantada por unha ateigada praza Castelao e coa única luz das bengalas que sosteñen as miles de almas que cada ano acoden a este acto, sen dúbida un dos máis emotivos das festas. Será ás dúas da madrugada. A verbena correrá a cargo de Mar de Arousa, Ritmo Xoven e Saudade. Este último día da Guadalupe está dedicado aos nenos, cunha xincana inchable na praza Virxe de Guadalupe desde as 11.00 horas e festa da escuma na praza Castelao ás 13.00. Tamén haberá verbena infantil ás 23.00 con Uxía Lambona e a Banda Molona e a media noite, Rianxeira infantil.