
A cita terá lugar o domingo 28 e presentará novidades nun percorrido de 10 quilómetros co que se pretende superar a barreira dos mil participantes
18 sep 2025 . Actualizado á 16:55 h.A andaina solidaria de Jealsa encara a súa quinta edición baixo o mesmo espírito co que naceu alá polo ano 2020. A actividade, que terá lugar o vindeiro domingo 28, busca recadar fondos en favor da fundación Stop Leucemia, que loita contra o cancro hematolóxico. O beneficiario final dos fondos conseguidos a través da camiñada é o Grupo GrHeCo-Xen do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), que utiliza a intelixencia artificial para avanzar contra a enfermidade.
No acto de presentación da proba estiveron presentes Margarita Hermo, directora de relacións institucionais de Jealsa; Manuel Gómez, representante do Barbantia Roda; Carlos Pérez, da fundación Stop Leucemia; e o concelleiro de Deportes de Boiro, Marcos Fajardo.
En primeiro lugar tomou a palabra Gómez para debullar algúns dos detalles da xornada: «De seguro que imos ter moitísima xente e colaboración para axudar a este colectivo. O percorrido vai a ter a mesma distancia que viña tendo nos anos anteriores, 10 quilómetros. En esta edición imos cambiar un pouco e facer unha variante pola parte norte de Boiro».
Acto seguido falou Carlos Pérez, que aproveitou a súa intervención para agradecer a Jealsa o seu interese en promover iniciativas para mellorar o diagnóstico e o tratamento de enfermidades hematolóxicas: «Grazas a este proxecto o equipo pode seguir crecendo ano tras ano. Permítenos ir abarcando novas idea que axuden tanto aos pacientes como aos diferentes equipos médicos».
Un día de festa
Pola súa banda, Margarita Hermo, destacou o labor da fundación beneficiaria dos fondos recadados pola andaina, ademais do seu carácter galego, un dos piares das iniciativas solidarias de Jealsa: «Queremos animar a que participe moita xente, porque ao final o bonito non é só a recadación, senón tamén poñer en valor e dar a coñecer a fundación. Iso lográmolo se temos un grupo numeroso que asista andaina. É un día de festa, para pasar en familia e divertirse ao tempo que desfruta camiñando».
Así mesmo, a directora de relacións institucionais de Jealsa salientou na importancia da investigación para combater enfermidades como a leucemia: «Tamén é unha forma de reivindicar que sociedade pode colaborar máis ca investigación. Se queremos afrontar as enfermidades dunha forma máis directa os avances científicos son clave».
Para rematar tocoulle a quenda a Marcos Fajardo. O edil mostrou o seu apoio á actividade, ademais de agradecer a todas as entidades que fan posible que ano tras ano saia adiante.
As inscricións xa están abertas e poden realizarse presencialmente nas oficinas de Jealsa de luns a venres desde as 08.00 horas e ata as 14.00. Tamén está dispoñible un QR para anotarse no cartel da cita. O prezo por participar é de 6 euros, aínda que é posible doar 1 euro sen a necesidade de acudir..