A Pobra rendeu honras á Guadalupe de Vos Casás

BARBANZA

O párroco Marcelino Sánchez oficiou a misa e presidiu a tradicional procesión

07 sep 2025 . Actualizado á 20:04 h.

Non só Rianxo ten ao seu «moreniña», senón que tamén A Pobra pode presumir de honrar cada setembro á Virxe de Guadalupe de Vos Casás, onde se volveu a celebrar a tradicional romaría na súa honra. Debido ás reducidas dimensións da capela, a misa solemne tivo lugar nos arredores do edificio relixioso e estivo presidida polo párroco de Santo Isidoro de Posmarcos, Marcelino Sánchez.

Como é habitual, a imaxe da santa fixo un pequeno percorrido en procesión ata ser depositada nun pedestal situado moi preto do altar e, unha vez finalizada a cerimonia, realizou o percorrido inverso. A celebración foi seguida por un bo número de veciños e devotos, que cada ano volven pedir á santa que interceda por eles, e non faltaron os postos de rosquillas para adozar a xornada.