
Preto dun centenar de embarcacións participarán na competición
02 sep 2025 . Actualizado á 18:07 h.O Club Náutico Deportivo de Ribeira promove esta fin de semana a décimo novena edición da Regata Gadis. A proba foi convertida hai tres anos nunha cita destinada aos máis mozos, coa intención de promover e promocionar a vela como deporte de futuro, garantindo a súa continuidade tanto nas clases olímpicas como na de cruceiro.
A Regata Gadis foi presentada na biblioteca do Náutico de Ribeira, nun acto conducido polo seu presidente José Luís Torres Colomer, acompañado polo xerente da área de Santiago de Gadisa, Román Roo; o delegado de Gadis en Ribeira, Luís Vázquez; e os directivos da entidade deportiva José Luís Lomba, Justo Arevalillo e José Díaz.
A proba celebrarase o sábado e o domingo, tal e como explicou Torres Colomer: «Contaremos con lanchas de seguridade na auga. Independentemente das propias de cada club, tamén estarán as de Protección Civil e Cruz Roja».
En total están convocadas dúas clases. A competición desenvolverase nas modalidades ILCA e optimist. «Faranse tres grupos sendo un deles os optimist, subdivididos en regata distinguindo a óroos e aos prata; e un terceiro de escola, así como os ILCA 4», comentou Lomba.
Pola súa banda, Román Roo aproveitou a súa intervención para reafirmar o compromiso de Gadisa co deporte e, especialmente, coa práctica da vela na capital de Barbanza.
Hábitos saudables
«É un orgullo darlle nome a esta regata e, sobre todo, nesta zona na que temos tanta representación e na que coinciden todos eses valores que nós temos como empresa que son o amor pola natureza, a actividade física e unha vida saudable», apuntou Roo.
Durante as dúas xornadas de competición o comité de regata ten previsto a realización dun total de seis mangas, tres por cada día. A lámina de auga na que se instalará o circuíto técnico de boias estará nas proximidades da praia de Coroso e a súa orientación dependerá da dirección do vento.
Á proba inscribíronse preto dun centenar de mozos regatistas, representando as escolas de vela da comunidade. Entre todos eles destaca unha ampla listaxe de deportistas en idade de iniciación que entrarán en competición por primeira vez tras o aprendido ao longo do verán.
O sábado, a condición de que as condicións meteorolóxicas permitan, darase o bocinazo de saída á primeira proba ás 14.30 horas. O domingo está previsto que a actividade comece ás 10.30 coa entrega de premios ás 18.00 no salón nobre do Náutico de Ribeira.