














A nova campaña da ABE comezou con Cachas and Cousins animando a sesión vermú e o chef Miguel Mosteiro elaborando tapas
16 ago 2025 . Actualizado á 16:25 h.«Boiro, compras con corazón», a nueva campaña comercial da Asociación Boirense de Empresas (ABE) comezou este sábado con moito ritmo e ambiente. Cachas and Cousins animou a sesión vermú e os viandantes puideron degustar tapas de mexillón elaboradas polo chef Miguel Mosteiro.
A iniciativa prolongarase ata o día 23 e durante todas as xornadas ata o 22 haberá actuacións para o goce de toda a familia. «As rúas converteranse nun gran escenario con espectáculos de primeiro nivel que mesturan humor, música, teatro e maxia», apunta a patronal. Ademais, ao lado de cada actividade instalarase un posto con flocos de millo ou gominolas, segundo o día, no que os asistentes poderán recoller o seu obsequio presentando os «Vales corazón» que están dispoñibles nos negocios asociados e no punto de información da campaña.
O presidente da ABE, Daniel García, asegurou que «esta é, sen dúbida, a campaña máis ambiciosa da nosa historia. Unha aposta conxunta do tecido comercial local, a Xunta e o Concello para reivindicar que mercar no teu pobo é unha decisión que transforma».
Sorteo de 5.000 euros
O sábado 23 finalizará a iniciativa «cunha espectacular festa na praza do Concello, que convertirá Boiro nun auténtico espazo de lecer, diversión e emoción». Haberá un parque de inchables con propostas para todas as idades, degustacións de mini hamburguesas de mexillón e postos de gominolas e flocos de millo. Todo iso será accesible cos «Vales corazón».
O prato forte será o sorteo de 5.000 euros repartidos en cinco vales de premios de 1.000 euros cada un. O acto estará conducido polo dúo cómico Mofa e Befa e Rapariga DJ encargarase de pór a música.
A ABE instalará un escenario de oito metros de longo cun sistema de son profesional e pantallas LED, a través das cales se poderá seguir en directo o desenvolvemento do sorteo e das actividades, incluíndo vistas aéreas cun dron.
Como detalles especial «e símbolo do espírito desta campaña», repartiranse medio milleiro de abanos cun deseño exclusivo. Daniel García afirma que queren «pechar esta semana inesquecible cun evento á altura do que significa esta campaña para o noso comercio e para Boiro. Será unha festa completa, pensada para gozar en familia, sorprender e agradecer o apoio da xenta aos negocios locais».
Para participar no sorteo dos 5 vales de 1.000 euros cada un será necesario realizar compras en calquera dos máis de douscentos negocios asociados á ABE ata o propio sábado 23. Os clientes terán que intercambiar os billetes de compra no punto de información da campaña, situado cada día xunto ás diferentes actividades programadas. Por cada 10 euros de compra entregarase unha rifa, cun máximo de cinco por billete ou factura.