PP, BNG e PBBI apoian á plataforma en defensa da sanidade pública para que se cubran todas as prazas de persoal
BARBANZA

O pleno tamén acordou a prórroga do contrato de xestión de abastecemento de auga potable
02 jul 2025 . Actualizado á 09:06 h.O pleno de Ribeira aprobou, cos votos favorables de PP, BNG e PBBI, a iniciativa presentada pola plataforma en defensa da sanidade pública pola que se insta á Consellería de Sanidade a cubrir de inmediato as vacantes, baixas e vacacións do persoal de todas as categorías profesionais dos centros de saúde do municipio. O portavoz do PSOE, Francisco Suárez Puerta, abstívose argumentando que o problema vén de atrás, «resultado dunha política que se está aplicando en Galicia, vímolo en Palmeira, Corrubedo, Aguiño e, agora, en Ribeira». Asegurou que «todo atende ás políticas de privatización que están levando a cabo os populares onde gobernan».
Pola súa banda, o edil de Sanidade, Juan Luis Furones, remontouse ao ano 1991, cun informe do ministro socialista Fernando Abril Martorell que predicía unha importante tensión no sistema público de saúde e daba as ferramentas para corrixir a situación.
En representación da plataforma en defensa da sanidade, foi Dolores Sanlés a encargada de defender o contido da iniciativa que reclama unha atención sanitaria digna, de calidade e sen listas de espera. Tamén se solicita na proposta visibilizar estas reivindicacións coa colocación dunha pancarta nun espazo ou edificio público.
Pola súa banda, o alcalde, Luís Pérez Barral, asegurou que leva desde xullo do 2023 pedindo reunións coa Consellería de Sanidade para tratar asuntos relacionados co servizo de saúde no municipio. O rexedor Lamentou a falta de colaboración institucional.
Abastecemento de auga
Así mesmo, durante o pleno acordouse a prórroga, durante dous anos, do contrato de xestión do abastecemento de auga potable do municipio.
O contrato con Viaqua formalizouse o 30 de xullo do 2010 por un período de 15 anos. O rexedor explicou que se trata dunha prórroga técnica motivada porque «dende os servizos de contratación e persoal transmiten que non hai posibilidade de que un contrato destas características poida chegar a tempo ao ser necesarios varios meses de traballo para poder sacalo a licitación pública».
De forma paralela, o Concello traballa nunha auditoría de todo o sistema de abastecemento de auga potable. O obxectivo é coñecer como están as infraestruturas a este respecto e poder decidir, desa forma, o modelo de xestión para os próximos anos.