
O escritor asegura que agora está nun momento creativo que quere aproveitar
31 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Abel Tomé é un escritor do Barbanza. Conta con apenas cinco novelas publicadas, todas elas a partir de 2018. A pegada da súa obra é contundente, e acadou un lugar sobranceiro, máis alá dos premios recibidos.
?Como comezaches na escrita?
—Non tiven unha pulsión cedo pola escrita. Nin pola literatura. Foi unha profesora, en 4º da ESO, a que me «descubriu» esa habilidade. Así e todo, no tocante a escribir, son un pouco atípico. Cando me apetece, e teño tempo, sento e escribo a historia que se vai formulando na miña cabeza. Así que supoño que o meu comezo tamén foi así de espontáneo.
?Sentes que ser de Outes marcou dalgunha maneira a túa posición no mundo?
—Máis ben ser do rural. A maioría da miña xeración tivo unha crianza moi libre e natural (agora diríase que «salvaxe») e aínda viviu certos aspectos culturais e comunais que se practicaban nas aldeas. É algo no que penso moito. Sobre todo porque é un mundo que está a desaparecer, e como fun espectador das vellas de loito a sachar nas leiras, da matanza do porco, de debullar as espigas de millo, da herba cortada nos cestos... tamén o son da súa extinción.
?Es autor de literatura en xeral. Comezas a escribir para adultos en 2018 e continúas con infantil en 2023. O normal é ao revés. Con que lectorado te sentes mellor?
—Son moi indeciso, máis que nada porque me gustaría facer de todo. Non podería escoller só unha canción, unha película, un libro... Todos os estilos e xéneros poden sorprendernos de xeito diferente. Agora mesmo estou nun momento creativo, así que, mentres non me falle a imaxinación e non apareza o medo á «folla en branco», gustaríame tocar varios paus, experimentar... Podo dicir que me divirto moito cando escribo literatura infantil, máis que nada porque volvo ser un neno, e envolverme na fantasía que tanto me gusta. De todos os xeitos, non teño moi claras as liñas que dividen os públicos lectores.
?A túa é unha mirada comprometida e crítica sobre o mundo. Nos teus libros denúncianse situacións inxustas, cando sería moi doado mirar para outro lado.
—Ante todo son humano, formo parte do mundo e, como tal, teño conciencia propia. Na escrita é difícil non botar man desa parte crítica que conforma, día tras día, os problemas da sociedade, ou o que eu podo considerar como «problemas», porque tamén me van construíndo como persoa. Pero isto é algo común, con independencia do xénero, calquera que lle guste escribir, levantar unha historia, proxecta no texto as súas frustracións e a visión propia dun contexto determinado.
?Da mesma maneira, téñoche lido comentarios a respecto de escribir cun léxico coñecido e con frases curtas para facilitar a lectura en galego. Que opinas da situación da lingua e do cambio no compromiso dos escritores e escritoras?
—As frases curtas son parte dun estilo propio que agora está a mudar. É algo persoal, quizais influído por outros autores e autoras. Pero si que teño dito iso de escribir cun léxico recoñecido, como para facilitar a lectura e a comprensión en galego. Xa non opino o mesmo. Creo que iso de «facilitar» é unha forma de rebaixar o idioma, de darlle menos valor. Co galego sempre hai un prexuízo, un muro que impoñemos, sobre todo cando falamos de consumir literatura en galego. Con respecto á situación da lingua, tristemente, creo que non hai moito que dicir. Os datos aí están, ben claros. Deberiamos contestar a pregunta, «como chegamos ata aquí?». A miña resposta non collería nestas páxinas.
?Non se pode negar que os teus libros enganchan e acostuman ter varias capas de significado, máis dunha lectura, que os enriquecen e buscan a complicidade do lectorado. Concordas con nós?
—Non sei se enganchan, pero a pesar de que son libros máis ben curtos, teñen moita raíz. Funcionan a xeito de matrioshka. Non é algo premeditado. Simplemente é a inercia ao escribir. Van aparecendo novas imaxes, personaxes, tramas... xa dixen que son moi atípico.
?A diferenza entre os personaxes da literatura de adultos e a infantil pode estar na esperanza que manteñen os pequenos fronte ao desánimo dos adultos. Imaxino que está moi reflexionado, ou non é así?
—Non creo que estea moi reflexionado, porque o meu xeito de escribir é moi espontáneo, non se guía por rutinas ou manías, aínda que ao final acade un sentido. Pero é certo que esta é unha das ideas centrais do meu último libro Milú e o edificio das persoas extraordinarias. Son os nenos os que argallan o plan para acadar o obxectivo de arranxar o edificio e impedir que os boten de alí, fronte ao pesimismo dos adultos, que aceptan fácil a derrota. Ás veces esquecémonos de que os adultos tamén fomos nenos. Como se di no libro: «Nenos e nenas temos unha vantaxe: a nosa altura permítenos ver as cousas na súa xusta medida. E podemos ollar aquilo que os maiores non poden ver, ou quizais si, pero para eles son insignificantes e carecen de importancia».
Unha nova voz que xa ten espazo literario
Abel Tomé é de Outes. Estudou xornalismo e realizou un mestrado en Dereitos Humanos. Na súa obra literaria poden verse as pegadas de ambas aprendizaxes no oficio da escrita e nunha obra comprometida e crítica.
Escritor de literatura de adultos. Resultou finalista do premio de narrativa Illa Nova en 2017 con A noite do corvo e gánao no 2019 con A noite do lobo. En 2024 gana o premio García Barros con A noite do oso.
En literatura infantil resultou finalista do premio Merlín en Liliam Strawberry e o paxaro da morte en 2022 e gana este premio en 2024 con Milú e o edificio das persoas extraordinarias. Podemos afirmar que a súa pode ser a voz máis orixinal que irrompe o noso sistema literario nos últimos anos.
En canto á literatura infantil conta cun imaxinario propio, cheo dunha fantasía desbordante na busca da creatividade máis vizosa. Caracteriza a súa obra o peso das boas intencións, dos valores que deberían rexer a sociedade (e rematan en «ade» como bondade, solidariedade, amizade...). Destaca o seu respecto pola rapazada, que trata como lectorado intelixente a quen axudar a medrar, tirando deles como recomendaba Ausubel (ao traballar no que el chamaba «zona de desenvolvemento próximo»). Achégalles textos que permiten varias lecturas e xogos intertextuais, recollendo referencias doutros produtos culturais, dende o libro á música ou ao cine.
Universos distantes
A obra destinada a adultos, leva uns títulos ben semellantes, dos que confesa o autor que constitúen unha triloxía aínda que se poden ler un a un sen problema (A noite do corvo, A noite do lobo e A noite do oso) e fainos pensar nos versos de Novoneyra. Nela adopta recrear universos moi distantes que se moven entre o ancestral, o medievo, a longa noite de pedra ou a actualidade mesturada con retallos de ciencia ficción ou xénero negro.
Á hora de crear non se detén ante mitoloxías, credos ou toponimias que se mesturan cos versos de poetas recoñecidos. A súa é unha linguaxe que se busca doada, cun léxico comprensible e frases curtas.
Unha nova voz que xa acadou o seu espazo propio, creadora de mundos orixinais e con textos que agarran o lectorado ata o final da obra.