Un académico de honra

Ciprián Rivas VELAÍ

BARBANZA

Javier Expósito
Javier Expósito MARCOS CREO

Está ben que, de vez en cando, se honre a quen o merece

05 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Nestes tempos onde se dan toda clase de premios promovidos por asociacións públicas e privadas, existindo receptores, con méritos ou deméritos, para recibilos, está ben que, de vez en cando, se honre a quen o merece e que este o acepte desde a xenerosidade de acatar unha recompensa que o obriga a aumentar os esforzos para seguir no camiño emprendido, satisfacendo as ansias propias de coleccionar obra posta ó servizo do seu pobo.

Soamente desde o mecenado se pode entender a función de acaparar obra. Apropiarse dela por recursos propios, mercando en galerías de arte, casas de poxas ou os creadores. Si a iso se lle engade talleres, cursos, visitas de colexios para admirar obras de Goya, Rubens, Rembrandt, Picasso, Durero, Chagall, Leonardo Davinci, Tapies, Miró; pasando polos galegos Manuel Ayaso, Alfonso Costa, Jorge Castillo, e moitos máis habitantes da Fundación Museo do Gravado á Estampa Dixital en Artes, o labor está garantido. O ingreso de Francisco Javier Expósito Paradela na Real Academia de Belas Artes como novo académico de honra, responde a poñer en valor o dito.

A celebración dunha sesión plenaria da academia, que este ano cumpre 175, visualizou a figura dun Expósito coleccionista, mecenas e fundador, pero, tamén, a do visionario que promociona o nome de Ribeira e de Galicia, a raíz das colaboracións realizadas con outros museos de Europa, América ou Asia. A arte une a continentes, a países e ás persoas. Onde se instala, instálase a paz. Onde hai paz, existe equilibrio e brillan a educación e a cultura.