María Alborés: «Sempre xoguei coas miñas prendas na procura de novas formas»

ISABEL SANTOS

BARBANZA

ABRALDES

Marabillosa mestura de xenio creativo, raíces e sólida formaciónMaría Alborés Deseñadora e artista multidisciplinar

01 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Chega estes días de Bélxica, concretamente da cosmopolita Amberes, coa axenda repleta e coa cabeza a bulir neses múltiples xermes creativos que lle rondan, aproveitando cada espera, cada minuto, en aeroportos ou paradas de taxi, sempre coa tablet ou co caderno de notas.

María vén de recoller por segundo ano consecutivo o premio Xuventude Crea, desta volta na categoría de fotografía. A obra está exposta na igrexa da Universidade de Compostela até xaneiro. Trátase dun conxunto de fotografías alusivas á súa familia, centrada na súa avoa materna Rosa González.

?Fálanos do teu interese por este mundo do deseño.

—Cando era estudante de secundaria pensaba orientarme ao ámbito do maxisterio ou da economía e, de feito, cursei o bacharelato de Ciencias Sociais. No entanto, chamábame a creación. Dende nena xoguei coa miña roupa para darlle novas formas, sempre a remexer nos armarios buscando prendas que a miña avoa fixera no seu taller de costura coa Singer, a mesma que anos despois utilicei eu para coser a primeira tarefa que me puxeron na facultade de Pontevedra.

María, as raíces tanto, culturais como familiares, son importantes para ti?

—Fun criada nunha familia que fala galego, que sente as tradicións do baile, da música, da artesanía galega como algo importante. Cando me decidín polo deseño, posuía tamén unha bagaxe de influencias do meu círculo familiar a nivel creativo, de gusto polo ben feito, non só no referente a prendas de vestir, senón tamén de obxectos como mobles, cubertos, louza. Algúns obxectos foron mercados por unha tía avoa en distintos lugares, como París, onde traballou; porque antes os equipos eran para toda a vida, mesmo para dar en herdanza. A factura destes obxectos antigos, galegos uns, outros non, é dunha excelencia que hoxe non é habitual. Tiven a sorte de vivir nunha especie de matriarcado que respectaba o pracer pola estética e a beleza, por iso a miña colección de final de máster dedicareilla a este grupo de mulleres, sen esquecer as reminiscencias do traxe tradicional galego.

A fotografía, a literatura, a arquitectura, a escultura, a pintura son artes que ti usas para as túas creacións, como deseñadora, como creativa.

—No meu portfolio hai un pouco de todo: pintura, escultura, fotografía, pois son artes imprescindibles para os deseños que fago, malia que moitas veces experimento coas teas sobre un manequín, colocando e dobrando, comprobando a caída dun tecido. Nas obras artísticas nas que presento fotografía podo usala como documento ou como elemento conceptual. A literatura sérveme como inspiración para determinados estilismos. Creo que as artes están moi conectadas e que se enriquecen entre si. Tamén temos unha débeda constante coa cultura popular e as tradicións. Con todos estes elementos as obras e os deseños poden ter unha mestura harmónica sen caer na vulgaridade.

 Que é a moda para ti?

—A moda para min é unha forma de arte, de creación, de expresión individual, coa que podo recrear ambientes, épocas, estilos. Teño prendas que utilizaron a miña nai e a miña avoa que combino con outras da chamada «moda silenciosa», roupa de excelente calidade, procedente de mercados de stock (polo tanto de prezo moi accesible), lonxe da logomanía que moitas persoas practican, ao exhibir o nome dunha marca, incluso falsa ás veces. Por suposto, toda a miña xeración está a utilizar roupa de segunda man e fabricada a partir da reciclaxe de tecidos, práctica cada vez máis habitual en empresas importantes.

 Que opinas sobre o consumo actual de roupa e complementos?

—A moda tamén é a segunda industria máis contaminante do planeta e explota a miles de traballadores en condicións impropias duns tempos civilizados. Hai plataformas de fast fashion nas que moita xente merca a prezos ínfimos para tirar ao lixo as prendas ou complementos nuns poucos meses. Ademais, as tinturas, as teas sintéticas, os microplásticos destes artigos poden ser nocivos para o usuario e para o medio ambiente. Os consumidores temos que ter unha responsabilidade e un compromiso, claves para que isto cambie cara a un uso máis sostible.

 Como che gustaría que fose o teu futuro profesional?

—As miñas preferencias van polo deseño. O ideal para os meus intereses sería unha empresa que mesturase roupa, complementos, obxectos decorativos de calidade artesanal, tipo Hermès, Loewe ou Marni, porque nesa variedade hai retos moi estimulantes. Dous deseñadores formados na miña academia de Amberes, Dries van Noter e Ann Demeulemeester, son un exemplo a seguir para min: o primeiro revolucionou a moda co estampado e a cor, a segunda reflectiu o refinamento asiático nas súas creacións.

A creatividade que nos engaiola

María Alborés Lojo (Boiro, 1998) cursou a ESO no IES A Cachada e o bacharelato no IES Barraña. Na Universidade de Vigo rematou a titulación Esdemga (Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galicia) no ano 2021. Unha bolsa de perfeccionamento de estudos artísticos da Deputación levouna até a prestixiosa Real Academia de Belas Artes de Amberes, na que fixo o grao de tres cursos (2021-2024) e, nestes momentos, está a estudar o máster que remará o próximo mes de xuño.

Proxección internacional. María non descoida os traballos a nivel internacional, xa que fai colaboracións en proxectos con Henriette Hernst, deseñadora e docente alemá, que a contratou nos veráns. En Londres fixo de asistente de backstage na Semana da Moda para a colección SS20 de Rejina Pio e tamén prácticas formativas no equipo de deseño e produción para Resort20 e SS20 de Eudon Choi.

Os seus deseños viaxaron até China no ano 2023 para unha exposición de moda en colaboración coa Academia Central de Belas Artes de Pekín. En Praga participou no desfile de talentos emerxentes da moda internacional para a We´re Next

Premios e exposicións. Este ano obtivo o primeiro premio na Mellor Colección Comercial Feminina no Galardón Revelación Nacional (colaboración co grupo de estilistas Flapping Wings). O 2023 finalizou para María co primeiro premio na categoría de moda de Xuventude Crea da Xunta de Galicia, premio que volveu gañar recentemente, pero na categoría de fotografía, coa obra Non é debilidade, é fortaleza.

Coa colección que presentou na Esdemga como traballo final de carreira foi elixida finalista para a final do prestixioso BIAAF (Bilbao International Art And Fashion).

As exposicións son numerosas e comezan no 2017, dende Vigo, Compostela, Cambados, Pontevedra, A Coruña, Bilbao, Barcelona, Valencia e no estranxeiro, como xa mencionamos.

Sorprendeu a súa proposta na IX edición de BarbantiaRte co título E se chove, que chova, creación minuciosa a base de organdí pregado, niño de abella e fotografía analóxica, que reflicte o mundo creativo desta moza, pragado de tradición, modernidade e talento.