Desde o alto dun miradoiro a perspectiva da distancia cambia
01 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Contemplar unha paisaxe grandiosa é un pracer que se percibe de forma moi diversa. En función dos coñecementos, do momento vital e, ás veces, en función de quen nos acompañe. Hai quen di que hai tantas formas distintas de ver unha paisaxe como persoas.
De calquera xeito, sempre hai algo compartido. As sensacións do aire na cara, o aloumiño do sol, os recendos da vexetación, os sons dos paxaros. Todo converxe nun instante preciso en que tomamos consciencia do lugar singular onde nos atopamos e, por algunha esquiva razón antropolóxica sentimos a necesidade de situarnos e, inmediatamente, tratamos de identificar os elementos da paisaxe: vilas, montañas, praias, illas...
Desde o alto dun miradoiro, como este do monte A Muralla, as distancias non se perciben igual que cando viaxamos en coche. Vemos tan preto as illas Cíes, os montes de Baiona ou a serra do Gerês, xa en Portugal, que produce un certo desacougo. Estas sensacións acrecéntanse cando amosamos este lugar a alguén que nunca o vira e tratamos de contestar as preguntas sobre lugares que non damos identificado. Con todo, algúns miradoiros contan con paneis que sinalan os nomes das principais vilas e montes da contorna.
Hoxe quero falar doutro xeito de gozar da paisaxe: a realidade aumentada. A primeira vez que escoitei falar de realidade aumentada, hai unha chea de anos, pensei que se trataba dun oxímoro desafortunado ou dunha sorte de estratexia publicitaria para vender algún aparello electrónico.
A tecnoloxía avanza tan rápido que hoxe dispoñemos de aplicacións e dispositivos que nos dan acceso a información antes só ao alcance de moi pouca xente: gafas conectadas ao teléfono móbil que incorporan subtítulos para persoas xordas; tradutores electrónicos que nos abren as portas da comunicación entre falantes de calquera idioma sen mediación de intérpretes; códigos QR con información turística nas rúas ou nos monumentos etc.
Cambio imparable
En todo caso, campos enteiros da ciencia e da industria están sometidos a este cambio imparable. Como podería competir o ollo humano cunha IA para identificar agregados de células malignas nunha mamografía?
Volvendo aos teléfonos móbiles. Hai aplicacións que, enfocando o ceo nocturno coa cámara, nos permiten identificar estrelas e planetas, e outras que serven para identificar plantas, aves ou cogomelos.
A aplicación na que hoxe quero centrarme deixa ridiculamente obsoleta a vella técnica cartográfica que utilizabamos para debuxar panorámicas dun territorio. Era un proceso ben laborioso que precisaba traballar sobre mapas con curvas de nivel e cálculos trigonométricos repetitivos. Unha verdadeira molestia. Pois ben, esta aplicación superpón os puntos máis destacados da paisaxe sobre a pantalla do móbil. Tamén as localidades, as alturas das montañas, e outros datos de interese.
O resultado na pantalla do móbil é similar á fotografía que acompaña este texto. Entenderedes que non puxen un pantallazo polo tema dos dereitos de autor. Xa sabedes, se queredes, para a próxima vez que subades a un miradoiro!