A mala fama dos cregos

BARBANZA

BERNARDO CODESIDO

Xa o di o refrán, «o crego, onde canta xanta»

01 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

De todas as profesións e oficios que hai no mundo, a que peor parada sae é a curia, sexan bispos, abades ou párrocos, e iso a pesares de que se auto proclaman directores espirituais das nosas parroquias, con capacidade para decidir que está ben e que non, e claro que, se lle facemos caso á fama que arrastran dende antes de que Trotaconventos andase a enredar entre monxas e frades, veñen sendo como eses xuíces prevaricadores que non perden ocasión para sacar tallada de onde sexa. Xa o di o refrán, «o crego, onde canta xanta». Tan mal considerados están, que ata nas iconas do purgatorio hai sempre algún eclesiástico entre as chamas

Agora fálase dos abusos cometidos por unha boa parte da curia, e ata do sacerdote e escritor Martín Vigil, de quen tantos libros teñen pasado polas nosas mans, facendo gala de guía para adolescentes, acabamos de saber que era un abusador de inocentes. Pero é que a literatura, tanto en forma escrita como oral, xa nos viña avisando dende os primeiros tempos da cristiandade, a pesares de que, de sempre, foron eles quen tiñan a pluma e o tinteiro.

Nun repaso rápido pola literatura, temos rido a esgalla con aqueles pillabáns do Decamerón, que pensaban máis no sexo ca na comuñón, ou co Lazarillo de Tormes que, como el di, escapou do trono do cego para dar co lóstrego da sotana. Nada simpático é o criminal padre Amaro de quen nos dá conta Eça de Queiroz, e moito máis sensato pero descrido don Manuel, bo e mártir, segundo Unamuno ou Mosén Millán durante o funeral por un labrego en palabras de Ramón J. Sender.

Non hai espazo suficiente en todo este periódico para recordar contos, cantigas, refráns e todo tipo de enredos saídos das bocas do pobo, en que ós curas lles falta pecado de que librarse, como aquel que, cando lle presenta a súa fermosa ama ó bispo, este lóuballa, «boa rapaza», ó que o crego lle adianta «xúrolle señor bispo que nunca lle toquei un pelo» e o bispo responde sorprendido «boa puntería». E é que, como dicían os vellos máis escépticos, debaixo da sotana tamén levan pantalóns, e segundo di a cantiga, «cando a Micaela vai á fonte o crego mira para ela, pois tamén ós cregos lles gusta o andar da Micaela».

Xa non imos falar daquel famoso eclesiástico da historia do Meco, o luxurioso que despois de poñerlle os cornos a todos os homes do Grove, acabou pendurado dunha figueira, e cando preguntaban quen matou ó Meco, toda a vila respondía ó unísono: matámolo todos.

Só botando man das cantigas, os temas son tantos que ningún confesor tería tempo nin penitencias suficientes que ofrecer se algún cura se confesase. A avaricia, a cobiza, a gula e sobre todo a luxuria, só son pecadiños veniais se os comparamos co que a literatura popular denuncia. Dende o que queda berrando porque lle levan a criada polo furado da porta ata o vergoñento que non quere bailar porque ten unha coroa. Por ter ata teñen mala fama entre os mariñeiros, que non soben abordo con quen leve sotana por medo ó mal fado que arrastran.

Con ese currículo, «predica meu frade, que por unha orella me entra e por outra me sae».