Un gran desafío para as democracias, mozos e vellas, para o que, por agora, non parece haber resposta ou bálsamo de Fierabrás
31 ene 2025 . Actualizado á 10:39 h.O 30 de xaneiro, dous titulares de La Voz de Galicia, edición Barbanza. O primeiro: «Os máis dun millón de euros do POS de Boiro irán financiar gasto corrente». O segundo: «O PSOE de Rianxo critica que se destine o 70% dos fondos do POS a gasto corrente». Se a eses titulares engadímoslle que en Boiro goberna con maioría absoluta o PSOE e que ese millón de euros é o 100% do POS que lle corresponde, a posición, polo menos, pódesenos antollar contraditoria.
Pois iso mesmo é o que sucede na política en todos os niveis, desde o local ao estatal. Que os partidos, desde hai moitos anos xa, sexa pola súa profesionalización ou polo seu afastamento da realidade social, non xogan con regras onde prime o interese xeral, o sentido común e unha liña definida de acción en base a unha identidade política. Ben ao contrario, priman os intereses espurios, o oportunismo e a ansia de acadar o poder.
E claro, nese terreo de xogo, con liñas difusas e lamacento, hai outros actores con maiores habilidades, aqueles que se moven nos extremos; se me apuran incluso fóra do taboleiro. Aos que se suma un problema de visión dos que antes o dominaban, parece que non están ata que logran ser os protagonistas.
O resultado, os lodos, xa se ven por España, Europa e o mundo. Unha situación coa que haberá que lidar si ou si. Un gran desafío para as democracias, mozos e vellas, para o que, por agora, non parece haber resposta ou bálsamo de Fierabrás.
En todo caso, as contradicións e movementos erráticos dos partidos que dicían sustentar o noso sistema político, non axudan nada.