Xoán Fernández Callón: «A concordia ten que servir para o coñecemento da verdade»

José Antonio Pérez Fernández

BARBANZA

Xoán Fernández Callón
Xoán Fernández Callón ILUSTRACIÓN ABRALDES

O historiador e bibliotecario considera que desde a mentira «nunca se pode construír nada positivo»

29 jun 2024 . Actualizado a las 08:20 h.

Quedo con Xoán Fernández en Castiñeiras, vila na que naceu. Tarde de martes dunha primavera que, hoxe, nos trae un sol agradable ao carón dunha praia que convida a tombarse na area como se xa fose verán. Puntuais na hora á que quedaramos por teléfono, buscamos un lugar tranquilo no que falar, logo de que el se despida duns veciños. Despois de darlle voltas, porque o máis difícil é romper o xeo, déixolle caer a primeira pregunta.

—Como te decidiches a estudar historia?

—Boa pregunta! Queda tan lonxe no tempo… En realidade, eu pensaba ir por unha disciplina relacionada coas ciencias. Pero no curso 90-91, cando facía 2º de BUP, Chero Sousa, o meu profesor de xeografía, organizou o programa da materia por bloques: xeografía física, política e humana. No primeiro trimestre estudamos Europa, logo a URSS e, finamente, Norteamérica. Aquel ano foi clave para o mundo: caera o muro de Berlín, desapareceu a Unión Soviética e comezaron a guerra dos Balcáns e a primeira do Golfo. Co que aprendín ese curso, tiven as claves para entender as causas conxunturais e estruturais deses procesos, e mesmo vin como os coñecementos de historia permiten predicir as consecuencias. Considerei que para formarme era máis interesante a vertente humanística que a científica nese momento da miña vida.

—E que parte da historia foi a que máis che atraeu?

—Aínda que nestes últimos anos me dediquei á historia política, por aquel entón tiven claro que no que me quería centrar era no tema da emigración galega a América, sobre todo o que era a demografía migratoria. Era un tema que me apaixonaba. Que aínda me apaixona. Polo tanto, fixen as especialidades de Historia de América e de Arquivística e Biblioteconomía. Por circunstancias, eu mesmo acabei marchando a traballar a Arxentina. Aproveitei o tempo alí para investigar a emigración galega, convivindo cos galegos e cos fillos dos galegos que emigraran no pasado. Aínda agora segue sendo a historia social, e dentro dela a historia das migracións, a parte que máis me chama.

—Nos últimos anos acabaches traballando no estudo da historia política. O teu último traballo é sobre os barbanceses que acabaron no campo de Mauthausen. Como foi que deches ese xiro?

—Pois por un motivo moi curioso. En Ribeira houbo catro vítimas do campo nazi; dous morreron e outros dous sobreviviron. Un dos falecidos, Xosé Callón Peón, levaba o meu mesmo apelido. Apelido que non é moi común. Iso chamou a miña atención. Tirando do fío, acabei chegando a todos os barbanceses que sufriran a crueldade e o horror do campo de concentración alemán. Pescudei na historia que os levou ata ese campo. Unha historia descoñecida, incluso para os seus propios familiares, que se mostraron sorprendidos cando falei con eles.

—Houbo, e segue habendo, quen nega a existencia deses campos. Algúns tamén rexeitan a memoria histórica e queren impoñer as, segundo eles din, «leis da concordia». Ti que lles dirías?

—A concordia ten que servir para o coñecemento da verdade. Desde a mentira nunca se pode construír nada positivo. O coñecemento da historia é necesario. Non como vinganza, senón para coñecer a verdade, os motivos, ser consciente de que iso non se debe volver repetir. Coñecer o pasado para entender o presente e construír un futuro.

—Tes pensado ampliar o estudo sobre outros barbanceses en campos de concentración?

—Ao investigar sobre Mauthausen atopei o nome de dous ribeiráns que acabaron nun gulag soviético. Gustaríame pescudar algo sobre ese lado: barcos que foron incautados ao remate da Guerra Civil, cando xa o goberno da República non existía, feito aproveitado por Stalin para apropiarse deles, acabando mariñeiros socialistas e anarquistas nos campos de traballos forzados da Unión Soviética.

—Imos chegando ao final, e non quero rematar sen antes falar do teu traballo como responsable da biblioteca municipal. Desde este teu posto de bibliotecario, como podes facer para animar os xoves a interesarse pola historia?

—Os bibliotecarios somos un nexo de unión entre a sociedade e a cultura. Eu intento achegar á xente nova todos aqueles materiais bibliográficos dos que dispoñemos, de maneira pública e gratuíta, e que creo que son os convenientes para formarse. Autores como Paul Preston para quen pregunta pola República, pola Guerra Civil ou polo franquismo, xa que antes estivemos falando destes temas. E, xa no eido puramente literario, gústame abrirlles as portas ao mundo dos clásicos: Xulio Verne, Stevenson… Para min foron unha fonte fundamental na miña formación cultural, e paréceme interesante que tamén o sexan para os rapaces e rapazas que veñen pola biblioteca.

O tempo pasou rápido conversando con Xoán. O sol da tarde vai vertendo os seus últimos raios sobre o mar que baña a praia da súa querida Castiñeiras. Quedan temas pendentes que deixamos para outra ocasión.

PERFIL

Investigador da migración galega en Arxentina

Xoán Fernández Callón nace en Castiñeiras en 1975, polo tanto nun ano clave para entender a historia de España nas últimas décadas, porque morría Franco e abríanse as portas para o comezo da transición. Cursou estudos secundarios en Ribeira, rematados con matrícula de honra en COU. Licenciouse en Historia coas especialidades de Historia de América e Arquivística e Biblioteconomía, na USC. Tamén ten o título, con premio extraordinario, de Técnico Superior en Xestión Hoteleira.

Logo dos estudos, marchou a Arxentina, onde traballou no sector administrativo e comercial. Ao mesmo tempo, aproveitou a súa estadía no país iberoamericano para facer cursos de posgrao na Universidad Nacional del Sur, en Bahía Blanca, provincia de Bos Aires.

Uns anos despois regresou a Galicia. De volta na súa Castiñeiras natal, en 2017, grazas aos seus estudos de Arquivística e Biblioteconomía, obtivo a praza de bibliotecario na Biblioteca Municipal do Concello de Ribeira, posto que segue ocupando a día de hoxe.

Catro publicacións

A isto hai que sumarlle o seu labor como historiador. Os seus traballos de investigación deron como froito catro publicacións, que podemos agrupar en dous conxuntos: a historia social, relacionada coa migración galega a Arxentina, e a historia política.

O seu paso por Arxentina permitiulle afondar no estudo da migración galega, tema que lle apaixona. Así, ten publicado traballos coma: A emigración en Ribeira no século XX, Murguía, Revista galega de historia, 2003  (revista da que foi membro fundador, como parte do Colectivo Murguía e da Asociación Galega de Historiadores), e tamén A pervivencia do galego na emigración pampeana e patagónica, Longalingua, 2009.

 Nos últimos anos viron a luz os seus traballos sobre a represión franquista na Barbanza. Son de destacar, en primeiro lugar, Barbanceses en Mauthausen, que forma parte da serie de caderniños publicados pola Comisión de Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza (CMHRB) e conta a vida de 14 barbanceses que estiveron no campo de concentración nazi. Por outro lado, o máis recente é A represión no Barbanza.  As cifras e os nomes, do ano 2023, e publicado tamén pola CMHRB.