Mobilización

José Antonio Ventoso VIDA DESDE FÓRA

BARBANZA

Botellas de plástico
Botellas de plástico

24 jun 2024 . Actualizado á 05:00 h.

Segundo o proxecto Libera, a ría de Arousa e Corrubedo é unha das zonas con maior presenza de contaminación por plásticos. Sitúa a este espazo natural galego no top 7 dos lugares con maior presenza de contaminación xerada polo ser humano. Hai poucos días, Greenpeace liderou unha protesta con máis de cen barcos para mostrar a súa discrepancia coa posible construción dunha empresa de tratamento da madeira denominada Altri.

Todas as asociacións mostraron a súa oposición, pero nin unha soa falou de darlle un respiro ao medio ambiente mariño que na ría de Arousa está a piques de falecer. A UE acaba de aprobar a Lei da Restauración da Natureza para fomentar artes de pesca máis respectuosa. Obrigará a repensar o actual sistema de baixa produtividade e rendibilidade baseada nas grandes cantidades capturadas.

Non deixa de sorprender como nos manifestamos masivamente ante un posible potencial perigo e, con todo, caemos no máis absoluto silencio ou menosprezo pola superexplotación dos recursos acuícolas e pesqueiros. A ría de Arousa está sometida a unha extracción excesiva do marisqueo, á legalización do arrastre que permite a máis de 200 barcos a actuación sobre os fondos sen descanso nin límites. O polbo desapareceu entre prantos; o arrastre, o boliche, o medio mundo, a rapeta ou a rapetilla están a acabar coas «nacensas» onde crían os peixes.

As miles de boias que marcan os aparellos seguen día e noite no mar; as nasas do polbo cóntanse por miles, e sen esquecer a captura coa arte do raño, absolutamente disruptor do chan. Como corolario: cada batea deposita nos fondos mariños case douscentos quilos de detritus diarios que lentamente van transformándoo en lodos. Esta é a situación que tamén debía mover á mobilización.