A actriz que falou de sexo cos adolescentes para montar «DeseXo»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. branco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

A boirense Marta Ríos aspira a que o novo espectáculo de Talía contribúa a desmitificar o tema

24 may 2024 . Actualizado á 05:00 h.

É un tema difícil de abordar, sobre todo cando os interlocutores son adolescentes, pero Marta Ríos (Boiro, 1977), xunto aos seus compañeiros de Talía Teatro Dani Trillo e Diego Rey, percorreu varios institutos de Galicia para falar de sexo cos rapaces. Acompañou ao elenco unha especialista na materia, a sexóloga Bárbara Penas. Coas súas inquietudes, os seus medos, as súas opinións e as súas experiencias, a compañía montou DeseXo, unha obra que xa foi estreada, con senllas funcións en Boiro e Vimianzo, e que tras a paréntese estival volverá no outono para virar polos centros educativos.

Como xurdiu a idea de levar ás táboas un tema tan pouco habitual no teatro? Marta Ríos contesta á pregunta: «Desde a compañía, como pais e como educadores que somos, había inquietude polo baleiro que consideramos que existe no eido da educación sexual. A partir de aí, empezamos a pensar en como podiamos achegar o noso grao de area». A Deputación dá a Coruña viu con bos ollos a idea e unha subvención permitiu a Talía impartir talleres en media ducia de institutos de Galicia. Pasaron por Rianxo, Valdoviño, Cerceda, A Coruña, Santiago e Culleredo, onde expuxeron unha actividade consistente en representar pequenas escenas teatrais que se completaban cun debate.

A iniciativa espertou grande interese entre os rapaces: «Amosáronse moi interesados no tema, pero tamén comprobamos que botan en falla información e alguén a quen acudir para consultar dúbidas», explica a boirense. Engade que mesmo houbo estudantes que se achegaron a eles ao finalizar a sesión para eloxiar a iniciativa: «Lembro unha rapaza asexual, que nos agradeceu que tiveramos en conta a existencia de persoas coma ela».

Primeiras reaccións

A partir deses talleres, Diego Rey escribiu un guion e comezaron os ensaios de DeseXo, unha comedia integrada por un conxunto de escenas que teñen a educación sexual como fío condutor. En principio, trátase dunha montaxe especialmente dirixida aos adolescentes: «Paréceme ideal para ver en familia, porque pode ser o punto de partida para tratar temas que de boas a primeiras resultan incómodos». Marta Ríos comentou que, tras a estrea en Boiro, tamén houbo rapaces que se achegaron a ela pola rúa para felicitala pola obra.

Iso, sumado ao que gozou durante todo o proceso e á función educativa que ten, son para a boirense os puntos fortes deste novo espectáculo de Talía: «É ideal facer un traballo co que gozas, co que espertas risas e que, ao mesmo tempo, ten unha función social. Aquí falamos de sexo sen tabús, un tema que nos incumbe a todos».

A Marta Ríos gustaríalle que DeseXo pasase por moitos institutos de Galicia e, ademais de entreter aos rapaces, axudáseos: «Quero que contribúa a desmitificar a sexualidade, que os rapaces deixen de idealizar a primeira vez e sexan máis realistas, que perdan medo e falen do tema abertamente».

Mentres lanza este novo espectáculo, a compañía recolle os froitos do anterior, Unha inimiga do pobo, que se alzou con sete premios nos María Casares e que é finalista nos Max pola adaptación do texto: «É unha obra que nos está a dar moitas alegrías». Talvez por iso, o grande obxectivo de Marta Ríos é que a situación actual prolónguese no tempo: «O meu reto é quedarme como estou, poder seguir traballando no teatro».

A boirense compaxina o traballo en Talía cos talleres que imparte en diversos centros educativo e coa o escola de teatro de Ames. Tamén preparou un percorrido teatralizado para mostrar o pazo de Goiáns boirense ao público infantil. Estaba previsto que fuer estreado nas Letras Galegas, pero foi aprazado polo mal tempo.