O delegado do Goberno dá por concluídas as obras no litoral da Ribeiriña

La Voz RIBEIRA

BARBANZA

MARCOS CREO

O alcalde da Pobra, José Carlos Vidal, aproveitou a oportunidade para expresar as necesidades dos veciños a Pedro Blanco

30 abr 2024 . Actualizado ás 08:08 h.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco , visitou A Pobra do Caramiñal para coñecer o resultado das obras de rexeneración do litoral da Ribeiriña, intervención que deu por finalizada: «Son uns terreos que durante anos foron ocupados para a actividade industrial e que agora devolvemos ao seu estado orixinal para que poidan desfrutar deles veciños e visitantes».

Na visita tamén estiveron presentes a subdelegada do Goberno, María Rivas; o alcalde da Pobra, José Carlos Vidal; os edís Patricia Lojo e Eloy Sobrido e o xefe da Demarcación de Costas, Carlos Gil. Durante a súa intervención Blanco informou que as obras tiveron un custo de 1,2 millóns de euros, dos que 800.000 foron achegados polo Goberno e 400.000 correron a cargo dos fondos do Plan de Recuperación.

Así mesmo, o rexedor aproveitou a oportunidade para expresar as necesidades dos veciños da Pobra a Pedro Blanco , que se comprometeu a pór á súa disposición todos os mecanismos e ferramentas das que dispoñen os distintos ministerios.

Plan de sustentabilidade

A continuación, Blanco e Vidal repasaron as axudas do Goberno outorgadas ao Concello, que ascenden ata os tres millóns de euros. Tradúcense en actuacións como a recuperación do litoral, a extensión de banda larga ou a mellora das instalacións do instituto local.

Desde o Executivo sinalan que a isto hai que sumar dotacións a nivel comarcal como os 5,5 millóns de euros de investimento no Plan Sostibilidade de Turística Barbanza Arousa e axudas á mancomunidade.