Lesmes, oitavo mellor fotógrafo de vodas do mundo

BARBANZA

manuel igrexas

O bo posto obtido polo ribeirense contribuíu ao ouro acadado polo equipo español

28 abr 2024 . Actualizado ás 14:35 h.

Unha instantánea das pernas duns noivos cruzadas baixo unha mesa cuxas patas forman a letra X valeulle ao ribeirense Manuel Iglesias , Lesmes, para situarse no oitavo posto da Copa do Mundo da Fotografía na categoría de vodas. O fallo do xurado deuse a coñecer nunha gala celebrada a noite do sábado en Dallas, á que o profesional barbancés non puido asistir por motivos de traballo. A alegría polo resultado foi dobre, xa que a boa posición obtida no ránking contribuíu para que o equipo español se alzase coa medalla de ouro na devandita competición.

A pesar de quedar coa espiña cravada de facer podio neste relevante certame a nivel internacional, Lesmes mostrou a súa satisfacción por ese oitavo posto, sinalando que ter entrado na final é todo un logro, tendo en conta o alto nivel das fotografías que conseguen coarse nesa última fase. Engadiu que é un orgullo ter sumado puntos para un primeiro posto colectivo que propiciará que España sexa sede da cerimonia de entrega de premios na próxima edición.

Os bos resultados logrados na Copa do Mundo da Fotografía súmanse aos últimos logros que acadara o ribeirense, que en febreiro se erixiu, por terceira vez, como mellor fotógrafo de vodas de España.