O Campionato de España de motonáutica slalom inclusiva comezará na ría de Muros-Noia

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

A primeira terá lugar en Portosín este sábado, mentres que a segunda será o día 13 no Freixo

03 abr 2024 . Actualizado ás 16:34 h.

A primeira e a segunda proba do Campionato de España de motonáutica slamom inclusiva terán lugar en augas da ría de Muros-Noia. A primeira terá lugar en Portosín este sábado, mentres que a segunda será o día 13 no Freixo, en Outes. A competición está organizada pola Real Federación Española de Motonáutica, polo club Adeco-DEA (Agrupación Deportiva Costa Oeste-Deporte Adaptado), polo Real Club Náutico de Portosín e pola federación galega.

O acto de presentación da proba tivo lugar no salón principal da entidade sonense. Estiveron presentes o presidente do Adeco-DEA, José Barrio; Oswaldo Davila, dirixente do Club Minauta; José Antonio Caamaño, edil de Deportes de Outes; Carlos Lorenzo, concelleiro de Deportes de Porto do Son; e Fernando González, comodoro do Real Club Náutico de Portosín.

Horarios da proba

A primeira xornada do torneo comezará ás 9.00 horas do sábado coa apertura do recinto de boxes. Tras isto, daranse as instrucións da regata e terá lugar a reunión dos pilotos. Ás 10.45 está previsto que comece a proba. Para rematar, sobre as dúas da tarde celebrarase a entrega de premios no salón social da entidade náutica sonense.

Na presentación da proba púxose en valor o nivel dos competidores que durante dúas fins de semana seguidas bateranse na ría de Muros-Noia. Tras isto, a competición continuarase fóra de Barbanza.