Nico Viturro, boirense de 13 anos que loita contra a leucemia: «Teño fotos con Larsen, Aidoo, Tapia... fáltame con Iago Aspas»

Francisco Brea
Fran Brea RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Nico, con la camiseta dedicada por Aspas y el balón que le regaló el Boiro.
Nico, coa camiseta dedicada por Aspas e o balón que lle regalou o Boiro. MARCOS CREO

O barbancés loce con orgullo a camiseta asinada e dedicada que lle regalou o dianteiro do Celta e asegura que sería un soño poder agradecerlle persoalmente o xesto ao futbolista de Moaña

12 feb 2024 . Actualizado ás 21:45 h.

O 27 de xaneiro, o boirense Nico Viturro, que ten 13 anos e padece leucemia linfoblástica, cumpriu o seu soño, o de debutar nun partido de fútbol co seu equipo, o infantil C da EFM Concello de Boiro. A partir de aí todo foron felicitacións e despois de que o seu caso fose publicado en La Voz de Galicia, o teléfono da súa nai, Laura Buig, non parou de soar. «Foi un tolemia», asegura.

Unha das chamadas que recibiu foi a do presidente do Boiro, Marcos Martínez, para comentarlle a posibilidade de realizarlle unha homenaxe en Barraña, coincidindo que o Boiro xogaba o día que se conmemoraba o Día Mundial contra o Cancro. «Estivo moi ben, foi un día moi chulo», recoñece Nico, que levou a casa un balón co que se xogou o partido da Copa do Rey contra o Mallorca asinado polos xogadores, unha camiseta do Boiro e un pin de club barbancés e outro do Barcelona, que lle entregou o técnico boirista, Anxo Casalderrey.

MARCOS CREO

Balaídos, próxima parada

Aínda que Nico se declara culé e fan de Messi e Neymar, o seu corazón tamén é celeste e tenlle un cariño especial a Iago Aspas. O dianteiro do club vigués tivo un gran xesto co boirense. Un día, ao teléfono da súa nai chegoulle unha mensaxe cun vídeo. Nel aparecía o moañés desexándolle unha pronta recuperación a Nico e sostendo unha camiseta dedicada e asinada: «Chorei como unha madalena cando vin o vídeo», asegura Lara Buig.

O barbancés acudiu algunha vez ao estadio do Celta como calquera outro afeccionado: «Teño fotos con Larsen, Aidoo, Tapia... fáltame con Iago Aspas, sería cumprir outro soño», sinala, á vez que comenta que lle gustaría moito volver a Balaídos para coincidir co futbolista e «agradecerlle o xesto».

A camiseta do príncipe das bateas chegou, ademais, nun momento moi especial. «Estabamos en illamento, e o seu irmán ensinoulla a través do cristal», comenta Buig. Un remeiro de Cabo de Cruz que coñece a un integrante dun club que é amigo de Aspas fixo que o caso de Nico chegase ao dianteiro do Celta , que non dubidou en colaborar.

A Nico aínda quedan uns meses de tratamento e a boa noticia é que evoluciona favorablemente e do que non cabe dúbida, é que o boirense é feliz cun balón nos pés.