O Premio Atlante volve e suma un galardón dedicado a Manuel Ayaso

BARBANZA

MARCOS CREO

A nova distinción, dotada con 2.000 euros, está dirixida a artistas con menos de 25 anos

20 oct 2023 . Actualizado ás 12:30 h.

O Museo do Gravado de Artes lanzou unha nova convocatoria, a décimo quinta, do seu certame internacional, o Premio Atlante. O concurso suma nesta ocasión un galardón, que leva o nome de Manuel Ayaso. Trátase dunha categoría dirixida a artistas menores de 25 anos e está dotada con 2.000 euros.

O restos de distincións mantéñense invariables con respecto ao ano pasado. Así, establécese un premio estrela, o Ramiro Carragal, dotado con 5.000 euros; tres recoñecementos de 2.500 euros cada un; e un galardón denominado Pedras de Santiago, que se reserva para un artista nado ou residente en Galicia. O gañador desta última categoría farase con 2.000 euros.

Entre os datos destacados que figuran nas bases que fixo públicas o centro artístico figura a data límite que terán os artistas para facer chegar os seus traballos ás instalacións de Ribeira: o 31 de maio do 2024. As estampas serán valoradas por un xurado formado por persoas relevantes no mundo das artes. Nesta edición, os elixidos foron os pintores e gravadores Alfonso Costa e Isabel Pintado. Xunto a eles estarán José Daniel Buján, director da Biblioteca de Galicia; Carmen Hermo, doutora en Belas Artes; Juan Monterroso, decano da Facultade de Xeografía e Historia da USC; José Manuel López Vázquez, catedrático desta mesma facultade; e Soledad Penalta, membro da Real Academia Galega de Belas Artes. Está previsto que o fallo se faga público no verán.

A intención do Museo do Gravado é conseguir que este certame siga debuxando unha traxectoria ascendente en canto a número de participantes e calidade das obras, á vez que se busca seguir ampliando o abano de países desde os que se envían os traballos.