Particularidades

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O Mar

BARBANZA

«Este fenómeno, o dunha lingua perfectamente comprensible tanto se estás no Xurés como en Ribadeo, é algo que ten sorprendido os especialistas internacionais»

18 oct 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Ounha das características máis notables da lingua galega, explicou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, nas últimas xornadas A Pobra do Caramiñal non tempo, é a súa homoxeneidade ao longo do territorio.

Este fenómeno, o dunha lingua perfectamente comprensible tanto se estás no Xurés como en Ribadeo, é algo que ten sorprendido os especialistas internacionais. Os galegos tendemos a velo doutro xeito. Por exemplo, no Barbanza existe a percepción de que a xente do interior, «os de Lugo», falan moi distinto a nós. Pero quen pense un pouco nas variantes do vasco que hai entre as diferentes provincias, ou nas diferencias entre o castelán de Cantabria e o de Huelva, xa se decatará de que os cambios entre a lingua dun de Chantada e outro de Corrubedo son irrisorias, por máis que un deles fale con gheada e seseo.

Con todo, os galegos gozamos explorando os trazos diferenciais da nosa lingua en relación ao dos veciños. Hai moitos anos, no Barbanza aínda eran quen de distinguir pola prosodia quen era de Aguiño e quen de, poñamos, Rianxo. Pero a lingua era moi semellante.

Rosario Álvarez amosounos como o Barbanza e o litoral da ría de Muros eran practicamente unha unidade lingüística, só diferenciada polo uso particular dalgúns vocábulos, como a «estrícola» para definir o xogo da escaleira na Pobra: «Isto revela unha relación moi intensa entre as xentes durante moitos séculos», explicou Álvarez. Barbanceses cosidos entre eles por vínculos centenarios. E ben orgullosos que estamos.