A Pobra repartirá 750 euros en premios no concurso fotográfico de micoloxía

M. X. B.

BARBANZA

cedida

O prazo para enviar as imaxes estará aberto ata o próximo 29

03 oct 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Os profesionais e afeccionados á fotografía xa poden ir seleccionando os seus mellores instantáneas relacionadas co mundo dos cogomelos, posto que o Concello da Pobra convocou unha nova edición, a sétima, do concurso de micoloxía, no que se repartirán 750 euros en premios. A actividade está incluída nunhas xornadas xa consolidadas no calendario de outono e cuxa programación incluirá desde charlas ata saídas ao monte para recoller exemplares.

O prazo para presentar as obras xa está aberto e permanecerá a disposición dos interesados ata a medianoite do 29 deste mes. As fotografías deberán enviarse ao correo apobra.micoloxia\gmail.com. Nas bases, que se poden consultar na páxina web do Concello, figura que cada persoa poderá concorrer cun máximo de dous traballos.

Desde a Concellería de Medio Ambiente explicaron que os premios consistirán en vales de compra de 150, 250 e 350 euros. As imaxes gañadoras desta edición do concurso, xunto coas que resultaron galardoadas no pasado, formarán parte dunha exposición que viaxará aos colexios Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú Sierra .

O concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Lois Piñeiro, destacou que se está traballando na confección do programa completo das xornadas micolóxicas, coas que se persegue seguir divulgando un mundo para moitos descoñecido.