Os nenos do Salustiano Rey coróanse como expertos ecoloxistas no programa Voz Natura

Laura Ríos
laura ríos RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O proxecto do centro pobrense converteuse no gañador provincial desta edición

12 jun 2023 . Actualizado á 10:17 h.

Está presente en medios de comunicación, redes sociais e conversacións do día a día. O coidado do medio ambiente é unha preocupación cada vez máis palpable na sociedade, que intenta atallar o problema pola raíz: a educación. Por iso, o colexio Salustiano Rey Eiras da Pobra leva 26 anos traballando pola concienciación dos nenos a través do programa Voz Natura que impulsa a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. Este importante labor viuse recompensada, e o proxecto do centro pobrense foi o gañador da provincia na edición deste ano, un premio que recollerán o vindeiro venres no Museo de La Voz de Galicia, no polígono de Sabón.

Desde fai un cuarto de século para acá, o colexio mellorou moito as súas instalacións, recuperando o invernadoiro do patio traseiro, construíndo un camiño de pedra para chegar ata el e plantando todo tipo de árbores. Pero a cousa non queda neste pequeno horto infantil, senón que salta á vida dos alumnos en forma de programa anual no que os mozos teñen que cumprir unha serie de retos cos que facer pequenos xestos que axuden a salvar o planeta, como investigar como aproveitar mellor os alimentos ou reciclar vidro. Esa foi a primeira misión á que se enfrontaron durante o curso e con ela conseguiron dar unha segunda vida a máis de 2.000 envases de cristal.

Xa que o ecoloxismo non descansa, durante as vacacións de Nadal os profesores pedíronlles que ideasen receitas de aproveitamento coas que minimizar o desperdicio de alimentos das festas familiares. A coordinadora de Voz Natura no centro, María Regos, asegura que «fixemos un libro con todas elas e decorámolo co papel dos agasallos que lles deixaron os Reis Magos e Papá Noel».

Ecosistemas

Coa chegada da primavera, alumnos e docentes aproveitaron a oportunidade de investigar sobre a diversidade da flora e a fauna dos distintos ecosistemas que se atopan preto do centro escolar. Os escollidos para o seu estudo foron a paraxe natural da Xunqueira, a carballeira da Silva, o parque dunar, a praia de Ou Areal, A Curota e o río Pedras. «Cando xa estaban feitos os traballos o que fixemos foi expoñelos na biblioteca para que o resto de compañeiros puidesen coñecelos», declara.

A organización de todas estas saídas e iniciativas son un traballo engadido para o equipo docente, que só dispón dun par de horas á semana para poñer en práctica o proxecto. Co transcurso dos anos, os nenos van tomando unha maior conciencia sobre o coidado da natureza. Moitos deles involucran aos pais na casa, aos que animan a reciclar e a participar nas tarefas do colexio, como a de identificación de plantas invasoras. «Cando as familias ían dar un paseo sacaban fotos deste tipo de vexetais e ao final conseguimos facer un álbum ben grande en Facebook».