Preto dun milleiro de persoas participaron nas iniciativas turísticas do Concello pobrense

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CEDIDA

A oficina de información recibiu dúas mil visitas este verán

01 oct 2022 . Actualizado á 15:47 h.

Finalizado o mes de setembro, as concellarías de Turismo e Cultura da Pobra fixeron balance da actividade turística e cultural no municipio durante o período estival e as conclusións son positivas. Preto dun milleiro de persoas participaron en diversas iniciativas promovidas polo Concello, mentres que o Museo Valle-Inclán recibiu máis de dous mil visitas.

No que respecta ao turismo, a concelleira Charo Varela e a técnica Ángeles Tubío deron a coñecer os principais datos. Pola Casa Mariñeira pasaron un total de dous mil persoas demandando información turística sobre o municipio e a comarca, procedentes fundamentalmente de Madrid, País Vasco, Cataluña, Castela e León e Andalucía. En canto aos visitantes internacionais, as principais nacionalidades foron a francesa, a inglesa e a irlandesa, aínda que tamén se rexistraron viaxeiros procedentes de Alemaña, Holanda, Dinamarca, Romanía, Estados Unidos e Sudamérica.

As responsables do departamento tamén destacaron a chegada de peregrinos, a maioría (230) en kaiak a través do roteiro marítimo, pero tamén a pé seguindo o Camiño A Orixe.

En canto ás actividades promovidas desde o Concello para dinamizar a vila e buscar a súa repercusión na economía local, realizáronse saídas de turismo mariñeiro nas que participaron 70 persoas, viaxes en veleiro ás que se sumaron 400, saídas en catamarán ao Parque Nacional Illas Atlánticas que moveron a 300 viaxeiros e roteiros marítimos pola ría que atraeron a outros 120. Así mesmo, os percorridos guiados polo río Pedras contaron coa participación de 30 sendeiristas. Para rematar, houbo unha elevada afluencia en distintas regatas que recalaron no porto pobrense.

Aumento de visitas

No que respecta ao ámbito cultural, a concelleira Patricia Lojo e a técnica do Museo Valle-Inclán, Araceli Abad, destacaron o incremento da cifra de persoas que accederon ás salas da Torre de Bermúdez.

Accederon ao recinto máis de dous mil persoas entre xuño e setembro, fronte ás 1.572 do mesmo período do ano pasado. Na maior parte dos casos tratouse de visitas individuais e familiares, aínda que se rexistraron algúns grupos organizados, especialmente no mes de setembro.

Para rematar, destacaron a boa acollida das visitas guiadas ao museo que se ofertan os venres, nas que participaron 74 persoas.