Unha veciña de Boiro: «Teño que tomarme 18 pastillas diarias para a dor»

Carlos Peralta
Carlos Peralta RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Brígida Hermo, de 78 anos, espera desde hai catro meses por unha resonancia

20 jul 2022 . Actualizado á 05:00 h.

Brígida Hermo, veciña de Boiro, reclama ao Sergas que atenda o seu expediente con urxencia e sométanlle a unha resonancia que solicitou en marzo, segundo sinala a muller, de 78 anos e sen apenas autonomía despois de padecer a rotura de dúas vértebras e ser diagnosticada de artroses.

A boirense relata que as súas doenzas comezaron o pasado mes de decembro. Acudiu a Urxencias do hospital de Barbanza, onde lle prescribiron un tratamento. «Dixéronme que tiña unha artrose brutal», lembra. Tres meses despois, Hermo apunta que a dor non remitiu e regresou ao centro hospitalario: «Teño os ósos moi débiles pola artrose e rompíame outra vértebra»,. Nesa ocasión entrou en lista de espera para someterse a unha resonancia que, dado o seu caso, requiría dunha serie de condicións específicas: a instalación debía estar adaptada para persoas con mobilidade reducida. Brígida Hermo padece claustrofobia, polo que tamén advertiu deste feito para que a máquina de resonancia magnética fose adaptable a pacientes con esta patoloxía.

O marido da boirense, José Ares, remitiu dúas follas de reclamacións ao Hospital Clínico de Santiago —rexistradas o 21 de abril e o 24 de maio—, nas que pedía celeridade ao Sergas na xestión da proba que necesita a súa esposa. Segundo afirma a familia, someterse á resonancia é o primeiro paso para que, cos resultados sobre a mesa, Brígida Hermo teña acceso a unha unidade da dor.

Primeira cita

Semanas despois da súa última queixa por escrito, a barbancesa foi citada para realizar unha resonancia nun centro concertado da comarca. Finalmente, a proba non se puido levar a cabo. O matrimonio boirense sinala que, primeiro a clínica e máis tarde o CHUS, puxéronse en contacto con eles para informarlles de que esta instalación carecía de padiola e cadeira de rodas para transportala á máquina de resonancias.

Fontes do Sergas matizan que, baixo o criterio de varios profesionais, optouse finalmente por realizar a proba no Clínico de Santiago tras a análise da súa situación. A pesar de que o centro concertado conta cunha máquina adaptada a persoas con claustrofobia, os facultativos consideran que é necesario sedarla.

A familia da afectada teme que, tras o cambio de plans, a boirense regresase ás últimas posicións da lista de espera. O Sergas aclara que permanece no seu posto anterior á designación na clínica e remarca que terá en conta a situación da paciente para acometer esta resonancia coa maior rapidez posible.

José Ares rexistrou no Concello de Boiro un escrito no que solicita praza no programa de axuda no fogar municipal ata que o servizo de atención á dependencia non resolve o seu expediente.

Brígida Hermo e José Ares insisten na importancia da resonancia para que a boirense teña acceso á unidade da dor, xa que sinala que o tratamento actual non fai que mellore a súa situación.

«Desde hai un mes cústame máis levantarme porque sufro vertixes», engade Hermo. Ademais, a proba facilitaría o seu acceso ao sistema de atención á dependencia xa que, debido ás súas doenzas, precisa da asistencia de dúas persoas para desprazarse. «Non podo moverme da cama e teño que tomarme 18 pastillas diarias para a dor», asegura a veciña de Boiro.