Pedro Arufe: Talento noiés para defender A Madroa

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

A mozo promesa recala no equipo cadete de División de Honra do Celta de Vigo tras o seu paso polo Noia e o Conxo

27 ago 2020 . Actualizado á 05:00 h.

A concentración e valentía de Carles Puyol, o liderado e a garra de Sergio Ramos. Tratando de emular a eses dous referentes constrúese o futuro dunha das perlas futbolística de Barbanza. Pedro Arufe González (Noia, 2005) é desde hai semanas novo xogador do Celta de Vigo. Recalará na Madroa para formar parte do equipo cadete de División de Honra, e faio perseguindo un soño e seguindo unha tradición familiar. O fútbol vén de atrás na súa casa.

«Empecei a xogar no Noia con 7 anos, pero xa o facía desde pequeno, co meu pai, co meu tío e co meu avó. Eles foron os que comezaron a meterme no mundo do fútbol», explica este adolescente que demostra que ten as cousas claras. «Creo que o difícil non é tanto chegar, senón manterse. O máis complicado empeza agora, terei que facer un esforzo maior, pero creo que con dedicación todo pódese conseguir».

Este espigado defensor, formado entre as canteiras do Noia e do Conxo, fixo que os observadores olívicos quedasen co seu nome. Dono dunha habilidade innata para moverse polo céspede, tamén destaca pola súa capacidade para ir ao corte, para o xogo aéreo e a súa habilidade para sacar o balón xogado. Desempeñar a posición de centrocampista permitiulle dominar máis rexistros.

Pero sabe que aínda lle queda moito por crecer. «Teño que seguir esforzándome. Agora onde máis xogo é como central. Este ano tocoume competir en División de Honra cos compañeiros dun ano máis. Tiña que xogar máis coa cabeza porque non dependía tanto do meu físico. Creo que foi máis difícil, pero enriqueceume moito».

Cun pé no que é actualmente o mellor club do fútbol galego, Arufe conta os días para vestir por primeira vez a camiseta celeste. «Estamos a adestrar individualmente, pero non é o mesmo. Quero empezar, entrar na dinámica de equipo e coñecer aos compañeiros. Teño moitísimas ganas de que chegue o primeiro partido e debutar, a verdade», afirma entusiasmado.

O primeiro equipo

Aínda que conte os días para empezar unha prometedora etapa na súa carreira deportiva, Arufe non esquece do seu paso polo campo de San Lázaro: «Estiven catro anos moi bos. Tanto polos compañeiros como polo adestrador. Foron os que máis gocei, xogabamos para pasalo ben. Agora é máis serio, tamén temos que competir».

Sobre o seu paso polo Conxo só garda boas palabras: «Foron outros catro anos moi positivos. Paseimo moi ben, non quero dicir que non!, pero é diferente, é máis serio, tes que pensar tamén en gañar, en competir. Coñecín a moita xente e foi unha grande experiencia».

O que vén por diante afróntao con ilusión e con determinación: «O meu obxectivo e o de todo o mundo é chegar a Primeira. Sei que é moi difícil, pero vou intentar ata onde poida. Vou para dar o máximo. Terei que esforzarme máis que agora. Sei que terei dar moito máis para xogar porque os compañeiros tamén o quererán e haberá que gañar».

Deberá facelo mentres acaba os seus estudos en cuarto de ESO, que cursará en Noia. «Terei que ir desde aquí a Vigo para adestrar, é un esforzo a maiores. Será duro, pero tómomo con moitísimas ganas», sinala.

«Sabe que o seu traballo son os estudos e o fútbol é un hobbie», explica o seu pai, tamén Pedro Arufe, outrora futbolista que destaca que foron as boas notas do mozo as que lle permitiron recalar no Conxo: «Foi un bo premio polo seu traballo».

O exame

Sen esquecer os libros e os exames, Pedro Arufe ten agora un novo proxecto na Madroa. Alí deberá demostrar que ese pequeno que se formou vendo a Carles Puyol e a Sergio Ramos é capaz de seguir queimando etapas: «Os dous gústanme, Ramos, pola súa garra, Puyol, porque a pesar de non ser tan técnico foi capaz de triunfar no Barça e na selección».

Agora a el tócalle dar un salto de xigante para recalar na canteira celeste. Tómallo como un premio, un agasallo que quere aproveitar: «É unha experiencia nova». Despois dun ano frenético, xa non queda nada para que o talento de Noia defende o céspede da Madroa.