Laura González: Unha pobrense, na crista da onda

Francisco Brea
Fran brea RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Presentará un póster no congreso máis importante do mundo sobre mamíferos mariños, no cal se darán cita estudantes e investigadores de todo o planeta

04 dic 2019 . Actualizado ás 11:17 h.

Laura González é unha pobrense que desenvolve o seu traballo de investigación na empresa Futurismo Azores Adventures, a máis importante da zona no que a observación de cetáceos se refire. Ela e o seu equipo estarán no congreso máis importante do mundo sobre mamíferos mariños, o World Marine Mammal Conference, que se celebrará no Centro de Convencións Internacionais de Barcelona entre o 7 e o 12 de decembro. Alí divulgarán a súa investigación en formato de pósteres científicos para falar dos resultados principais da tese de Laura.

Entre eles, «respóndense a preguntas sobre as baleas azuis, como, por exemplo, cando foron avistadas? Pois, principalmente, na primavera», comenta a pobrense. Ademais, presentan resultados e modelos estatísticos que «indican as condicións oceanográficas que prefiren estes mamíferos. Adoitan pasar máis lonxe da costa que outras especies e moverse por zonas dinámicas. Nos Azores, somos como unha gasolineira a medio camiño nos seus miles de quilómetros de travesía».

Pero Laura González e o seu equipo non só falarán de grandes baleas, xa que tamén tratarán o «descubrimento de movementos de calderones grises entre as distintas illas do arquipélago dos Azores». Mostrarán as primeiras evidencias que confirman a existencia de grupos residentes de golfiños comúns, que é «a especie máis avistada e a menos estudada».

Así mesmo, no congreso que se desenvolverá en Barcelona divulgarán o potencial do estudo das feces das baleas azuis, que «proporcionan información sobre xenética, dieta e estado reprodutivo ou de saúde dos exemplares avistados», apunta a bióloga mariña natural da Pobra.

Cos maiores expertos

Laura González está entusiasmada co feito de poder participar no World Marine Mammal Conference, a cita onde se reúnen os maiores expertos do mundo da súa especialidade: «Vai ser unha gran experiencia e unha fantástica oportunidade de coñecer xente e ampliar horizontes. A nivel mundial, van estar os mellores e nós imos alí para aprender e para ver se se nos pega algo de eles», chancea a barbancesa.

Nesta ocasión o congreso é, se cabe, máis especial, xa que se xunta o mundial co europeo. Nas conferencias agárdanse 2.500 persoas e é que non caben máis», indica González. O feito de que se desenvolva en Barcelona tamén foi un motivo moi importante para que puidese asistir: «Faise cada dous anos por todo o mundo. Esta vez tocaba preto de casa e había que ir si ou si».

A pobrense e os seus compañeiros poderán mostrar no evento os seus pósteres e realizar «presentacións fugaces. Adóitanse levar a cabo en salóns de grandes dimensións e están asociadas por temáticas. Así, os asistentes teñen maior facilidade para acceder á información que lles interesa e están a buscar».

Un dos obxectivos de Laura é desvelar os motivos que provocan as migracións das grandes baleas. A barbancesa comenta que os patróns que se utilizan por agora están en discusión e quere contribuír a establecer uns máis fiables e probados. Para iso impulsou o proxecto Sail&While que, a través dunha páxina web, permite rexistrar os avistamentos que se producen en calquera parte do globo terráqueo.