O avogado pobrense Óscar Rego emprende nova aventura

M. X. B. RIBEIRA

BARBANZA

Tras vivir uns anos en México, regresou á súa casa da Pobra, onde acaba de abrir o seu propio despacho

03 dic 2019 . Actualizado ás 10:42 h.

A necesidade de abrirse camiño, a ilusión de ir subindo banzos a nivel profesional e as ganas de aventura levan a moitas persoas a emigrar. Óscar Rego Alcalde, un avogado da Pobra, fíxoo un día, pero cando regresou quixo apostar pola súa terra para establecerse nela definitivamente. Acaba de abrir o seu propio despacho en cálea Luz Pozo Garza.

Non é un descoñecido no ámbito do dereito, ao contrario. Colgouse a toga hai xa unha década e, desde entón, a súa traxectoria laboral estivo ligada aos xulgados. Tivo un despacho na cidade compostelá e seguiuse dedicando ao mundo das leis durante a súa estancia en México, onde prestaba asesoramento a empresas españolas interesadas en fincarse alí, á vez que traballaba no sector da exportación.

Pero a Óscar Rego púidolle a morriña: «En América vivía ben, pero non tiña á miña xente, decateime de que tiña que volver á casa». E tras un período de adaptación, colaborando con diferentes despachos, animouse a montar o seu propio. El está especializado en dereito mercantil, pero contratou a outros dous letrados para abarcar todo o abano da avogacía, co fin de prestar un completo servizo aos veciños.

Un sector difícil

O pobrense sabe que non o ten doado na nova aventura que acaba de emprender: «O do dereito é un sector que está masificado, non só en Barbanza, senón a nivel nacional». Óscar Rego ten claras as cartas polas que apostará para tratar de abrirse camiño: «Confío en que dándolle solucións aos problemas da xente e ofrecendo un trato próximo logre o meu obxectivo. Sei que será a base de tempo, pero é unha gran aposta».

Convencido das súas posibilidades, Óscar Rego montou unha festa para inaugurar o despacho que leva o seu nome. Alí déronse cita un nutrido grupo de familiares e amigos, entre os que se atopaba o seu irmán Carlos, que, coitelo en man, non dubidou en facerse cargo do xamón para que todos puidesen regalar os seus padais. Entre bocado e bocado, todo desexaron sorte ao emprendedor.