O Concello boirense quere trasladar o cruceiro de Coroño á área de lecer

A. l. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

O monumento presenta diversos danos

23 mares 2019 . Actualizado ás 05:05 h.

O paso do tempo e algún que outro encontrón con varios vehículos provocaron que o cruceiro de Coroño presente varias deficiencias, sobre todo nas pedras que forman parte da base, algunhas das cales se desprazaron ou partido, o que motivou que se desnivelou. Desde o colectivo Cruceiros de Galicia mostraron a súa preocupación polo mal estado deste monumento e fixéronllo saber ao Concello, que xa ten constancia da situación. O alcalde boirense, Juan José Dieste, explicou que varios veciños lle suxeriron a posibilidade de trasladalo a outro lugar, unha opción que se está barallando e mesmo xa se lle buscou unha futura localización, a zona de lecer que hai no lugar.

«De todos os xeitos, para tomar unha decisión deste tipo debemos contar coa aprobación da Dirección Xeral de Patrimonio», afirmou o rexedor, que tamén lembrou que todos os trámites con este departamento da Xunta adoitan demorarse moito no tempo.

Recuperación

O traslado do cruceiro de Coroño tamén permitirá que leven a cabo os correspondentes traballos de recuperación, uns labores que teñen que ser realizadas por restauradores titulares, que utilizan técnicas e materiais non agresivos. Ademais, no caso deste monumento hai que estabilizalo, nivelar o fuste e recolocar as pedras da bancada que foron danadas.

O custo destas obras de rehabilitación podería supor un custo duns 2.000 euros, segundo a estimación realizada pola Asociación Patrimonio Galego que preside o arquitecto Carlos H. Fernández Coto.