Muller e emprego en zonas costeiras serán obxecto de análise en Corcubión

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O Grupo de Acción Local Seo de Fisterra, Ría de Muros-Noia e La Voz abordarán as dificultades para a plena integración no ámbito laboral

13 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A articulación de medidas para a sustentabilidade territorial é un dos campos de actuación do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Seo de Fisterra, Ría de Muros-Noia (GALP 4), que promove un pacto local con tres eixos: territorio e paisaxe; medio costeiro e marítimo; e crecemento inclusivo. Neste último apartado cabe enmarcar o Foro Voz que terá lugar o vindeiro mércores en Corcubión, onde se falará sobre muller e emprego.

Baixo o título O reto da plena incorporación laboral das mulleres nas zonas litorais, a xornalista de La Voz de Galicia Fernanda Tabarés; a presidenta da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca, Rita Míguez, e a xerente do GALP 4 Costas Sostible, Manuela Oviedo, abordarán elementos vinculados coas dificultades que teñen as habitantes dos municipios costeiros para a súa integración no mercado de traballo.

Conciliación e fenda salarial

A partir das 19.00 horas, no auditorio da casa de cultura de Corcubión, as tres relatores profundarán en cuestións como as dificultades de conciliación da vida laboral e familiar, a fenda salarial, a incidencia da maternidade á hora de acceder a un emprego ou o tradicional papel das mulleres como encargadas do coidado dos maiores, nenos ou persoas dependentes no fogar.

La Voz de Galicia e o GALP 4, coa colaboración da Consellería do Mar, o Concello de Corcubión e o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, analizarán desde diversos ámbitos estes condicionantes, á vez que as profesionais explicarán iniciativas ou propostas de actuación que poden levar a cabo para lograr a plena integración laboral feminina ou, canto menos, incrementar os niveis actuais.

Que esta é unha cuestión que preocupa á poboación residente no ámbito de actuación do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Seo de Fisterra, Ría de Muros-Noia quedou de manifesto nas mesas de traballo impulsadas polo GALP 4, xa que foi unha das liñas de acción que se puxeron sobre a mesa.

Unha vez efectuado o diagnóstico, chega o momento da intervención. Por unha banda, para ver que se fai noutros lugares sobre este particular e que actuacións poden desenvolverse na zona. Así mesmo, o plan de traballo inclúe unha parte destinada á sensibilización social, buscando a implicación da cidadanía.

Precisamente, hoxe está prevista en Corcubión unha reunión de técnicos e representantes locais para desenvolver os contidos vinculados ao crecemento inclusivo. Durante a sesión de traballo avanzarase en cuestións relativas ao camiño que debe emprenderse para conseguir unha plena integración da poboación feminina, así como relativos aos das persoas con diversidade funcional.

Neste Foro Voz, integrado no Pacto Local polo Territorio Costeiro Sostible, os asistentes tamén terán a oportunidade de formular as súas achegas, preguntas e suxestións unha vez conclúan as intervencións de Manuela Oviedo, Fernanda Tabarés e Rita Míguez. A persoa encargada de presentar o Foro Voz, así como de conducir a intervención do público, será a locutora de Radio Voz Bergantiños Verónica Couto.