Case 400 quilómetros da rede viaria barbancesa están sen pavimentar

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MATALOBOS

Aínda que a maior parte dos viarios están asfaltados, aínda quedan pistas virxes

12 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha das actuacións ás que os concellos da comarca destinan máis recursos, ben sexan fondos propios, subvencións da Administración autonómica ou ingresos procedentes do Plan Único provincial, é ao mantemento e reparación da súa rede viaria. De feito, é frecuente que nos meses previos ás eleccións as máquinas traballen arreo para tapar o maior número de fochancas posible. Con todo, aínda existen viarios alleos a ese trajín e que permanecen virxes, sen gota de asfalto e formigón ao longo do seu trazado. E a cifra de quilómetros nesta situación no conxunto da área barbancesa non é en absoluto desdeñable. Non en balde, unha enquisa elaborada pola Deputación da Coruña revela que son case 400.000 os metros de estradas que seguen sen pavimentar.

En concreto, o estudo contabiliza 385 quilómetros de viarios sen asfaltar, o que supón máis ou menos a distancia que separa a capital barbancesa de Xixón. Por fortuna, a viaxe ata a cidade asturiana é moito menos tortuoso que o traxecto por unha pista irregular de terra e pedras, xa que as estradas sen pavimento corresponden na súa totalidade á rede viaria de titularidade municipal.

Son, fundamentalmente, vías auxiliares e accesos a leiras que na maior parte dos casos non superan os catro metros de ancho, aínda que hai concellos nos que non se trata só de pequenos camiños. Non en balde, en Mazaricos, 23 quilómetros de accesos cunha plataforma de máis de catro metros discorren por firme de terra, mentres que en Porto do Son a cifra elévase a 33.000 metros.

En canto aos trazados de titularidade provincial e autonómica, están todos debidamente urbanizados.

Porcentaxe variable

Botando unha ollada aos datos queda claro que a proporción de accesos sen pavimentar é máis elevada nos municipios máis rurais e que contan cunha superficie maior. A media comarcal sitúase en torno ao 17,4 % da lonxitude total da rede viaria, unha porcentaxe que se eleva ata o 26 % nos municipios de Carnota e Porto do Son e ao 25,5 % no caso de Mazaricos.

A superficie que abarcan Arousa norte, Muros e Noia está salpicada por nada menos que 1.742 estradas, que vertebran todo o territorio cunha lonxitude duns 2.210 quilómetros, cifra que supera lixeiramente a distancia que separa á comarca dos Países Baixos.

Deses máis de 2,2 millóns de metros, a maior parte, o 75 %, corresponde a trazados de titularidade municipal, de aí o enorme esforzo investidor que cada ano deben realizar os concellos en asfaltados e reparacións. Traducido a números absolutos, significa que os concellos barbanceses teñen baixo a súa tutela uns 1.660 quilómetros de rede viaria.

Por concellos, o que conta coa rede máis extensa é Mazaricos, polo que discorren 362,4 quilómetros de estradas, seguido de Boiro, con 258,4, Porto do Son, con 254,4, e Outes, que suma 253. Por contra, os termos con menor lonxitude de viarias no seu territorio son A Pobra, que apenas supera o centenar de quilómetros, Noia, que suma 109,5, e Carnota, con 136,6.