Changui: «O club necesita a tódolos socios»

BARBANZA

carmela queijeiro

O flamante dirixente pide calma á afección e promételle un equipo que se parta o peito por defender o seu escudo

22 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Marcos Yáñez, Changui, (Boiro, 1977) afronta un dos retos máis importantes da súa vida deportiva. Sabe o que quere e intentará conseguilo a toda costa. Confesa que só non é ninguén, que precisa do apoio de Boiro e de Barbanza para que o club saia dunha situación dramática. Cree no proxecto e afirma que, se conseguen saír adiante, o Boiro será nuns anos un referente.

-Que lle fixo dar o paso?

-Sabía o traballo que había por detrás e o esforzo que fixeron moitos empresarios, como foi o caso de Juan José Fajardo. Xente que aportou tempo, como Marcos e Lens. Ou o Concello, que puxo o seu gran de area. Tiña claro que despois diso non podíamos tirar todo pola borda. Non ía permitir que o club onde eu nacín, ao que lle teño un cariño especial, desaparecera, por iso decidín presentarme. Cada día que pasa estou máis orgulloso de ter tomado esa decisión.

-O club segue nunha situación complexa. Cal é o seu proxecto?

-O club necesita a tódolos socios. Sabemos como estamos, pero agora temos a oportunidade de renacer e de apostar polo noso equipo. Coñecemos o lastre que levamos, por iso necesitamos o compromiso de todos, non só da xente de Boiro, senón de toda a bisbarra. Este club ten que ser un referente en Barbanza para que tódolos futbolistas poidan xogar en Terceira. Estamos traballando para os rapaces. Este non é o proxecto de Changui, ou duns empresarios, é un no que creemos moita xente e queremos que se involucre moita máis. O noso obxectivo é alcanzar unha débeda cero en canto sexa posible, e que o 80-90 % dos xogadores sexan de aquí. Para iso fai falla o apoio dos veciños, necesitamos que dean o paso e veñan facerse socios.

-Polo de agora, o núcleo forte do primeiro equipo é barbancés.

-A aposta é esa. Son xogadores de aquí, acompañados por outros de fóra, pero que mostraron a mesma ilusión. Esa é a nosa realidade e demostrarémolo co tempo. Ademais teremos un equipo xuvenil en galega e, se algún rapaz mostra a calidade para ir ao primeiro equipo, non nos vai tremer a man para subilo.

-Parece que a aposta polo equipo xuvenil do ano pasado é importante. É un brinde ao sol ou están para xogar?

-Os xuvenís serán unha parte importante. Nós dámoslles a oportunidade, pero que sexan xuvenís, ou da canteira, non lles dá preferencia ante outra xente que tamén ven buscar un posto. Teñen calidade para estar á altura do proxecto, pero hai que demostralo no campo. Véxolles a ilusión nos ollos, este proxecto está enfocado para eles.

-Hai xogadores que tiveron outras ofertas e preferiron vir a Boiro. Como foi posible?

-Falei con moitos xogadores e asegúroche que os que están aquí teñen ilusión e gañas de axudar. En tema económico non podemos loitar con outros equipos de Terceira. Hai futbolistas dun nivel moi alto, con outras ofertas que decidiron apostar, porque eles, ao igual que eu e a xunta directiva, creemos que o Boiro ten algo especial. Está nun momento delicado, pero se todos apoiamos vai ir medrando ata ser un referente na comarca e a nivel galego.

-Existe o efecto Changui?

-Non é o efecto Changui, é o efecto seriedade e verdade. Vendémoslle a realidade do club, saben o que hai, que estamos pasando dificultades, e eles créenos. O que está claro é que, quen empeza o proxecto con nós, se isto volve reflotar van ser os primeiros en ser recompensados. Non vamos permitir que veña a aproveitarse xente de fóra. O que queira vir nun futuro terá que vir nestas condicións.

-Tiña claro o corpo técnico?

-Todo vai na mesma liña, hai grandes profesionais na bisbarra. Por que non vamos a apostar por eles? Rubén é da casa, fixo un gran traballo e é o momento de darlle a oportunidade, ao igual que a Cristian, que se vai esforzar ao máximo. O único que lle pido á afección é paciencia, tanto co equipo, co corpo técnico e con todo o que envolve este proxecto. O Boiro non vai saír adiante nunha semana.

«Cada vez que piso Barraña pónseme a carne de galiña»

O novo presidente non esquiva nin a mínima pregunta. Ten claro o que persegue, cada palabra soa chea de convicción, aínda que descenda de categoría.

E se non se consegue a permanencia en Terceira?

Vamos seguir na mesma liña, que é traballar coa canteira e cos xogadores que queren estar aquí. O obxectivo non é outro que manternos en Terceira. Pedimos calma, gañemos ou perdamos os cinco primeiros partidos, é un equipo novo. Esta xente, ademais de grandes futbolistas son grandes persoas. Van facer un bo vestiario e iso vainos a dar moitos puntos nesta liga.

Non é sinxelo xuntar cen persoas na presentación dun equipo.

Só teño palabras de agradecemento para a afección. Eu xoguei en varios equipos de Terceira e isto é imposible. Para min é un orgullo nacer no Boiro, ter pertencido a este club e defender a estes afeccionados. Sei que van estar á altura. Fanse un pouco de rogar, é verán e non é sinxelo ir ás oficinas, pero vanse implicar. Precisamos de todos eles.

Estivo en moitos clubs, como valora o equipo que confeccionou?

É un bloque que pode medrar. Non sabemos onde está o seu teito. Hai xogadores que nunca xogaron en Terceira, pero que contarán coa nosa confianza porque creemos que poden estar por amais de outros con máis experiencia. Igual somos os últimos na liga a nivel económico, pero seremos os primeiros en ilusión.

Polo de agora falta un dianteiro, tocaralle xogar?

Estamos negociando para traelo. Temos falado con un, que agora está adestrando nun equipo dunha categoría superior. Oxalá siga alí, pero, se non é unha opción moi grande. Eu agora estou como presidente, se teño que botar unha man non o vou dubidar. Cada vez que piso Barraña pónseme a carne de galiña, recordo todo o que vivín aquí. Gustaríame estar no céspede, pero a idade manda e teño que asumir o cargo que teño agora. Se todo sae ben teremos un equipo competitivo e non farei falla.

Criticaron a xestión da base.

Esta non é a escola do Boiro ou a do Concello, vai ser a dos nenos. O obxectivo é que se formen para xogar en Terceira. Sei das críticas, e o importante non é xogar en galega ou provincial, senón o nivel de educación que reciben os rapaces. Pídolles un esforzo aos pais, porque isto é a longo prazo. Se marchan os rapaces, en 3-4 anos non poderemos estar nas máximas categorías.

Berráronlle moito na casa?

A miña muller xa o sospeitaba ?rí?. Están contentas, tanto ela como a nena. Saben que a miña ilusión é o Boiro.