O pleno de Lousame aproba o proxecto de saneamento de Filgueira e Seixido

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Tamén se aprobou un recoñecemento extraxudicial de crédito que servirá para pagar facturas do exercicio pasado que foron presentadas este ano

17 feb 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O pleno extraordinario celebrado onte en Lousame serviu para sacar adiante o proxecto para instalar o saneamento nos núcleos de Filgueira e Seixido, na parroquia de San Xoán, así como para axilizar a expropiación da leira que albergará a depuradora. A proposta foi aprobada por unanimidade polos seis concelleiros do PP e o portavoz do PSOE, que foron os únicos grupos da corporación que asistiron á sesión.

Tamén se aprobou un recoñecemento extraxudicial de crédito, por valor de 53.000 euros, que servirá para pagar facturas do exercicio pasado que foron presentadas este ano. Este punto recibiu o voto afirmativo dos edís do Partido Popular, mentres que o representante socialista se abstivo.