Un trampolín para que o parque das Illas Atlánticas sexa patrimonio da humanidade

La Voz

BARBANZA

18 ene 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A feira de turismo madrileña é unha das máis importantes do sector e, por este motivo, a Xunta elixiu esta cita para dar un novo impulso á candidatura do parque natural das Illas Atlánticas-Illas Cíes pasa ser incluído na lista da Unesco. Así o destacou na súa presentación o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que quixo facer especial fincapé en que esta proposta serviu para unir «consensos e vontades. É a candidatura de Galicia, de todos os galegos e galegas».

O representante autonómico formou parte dunha comitiva encabezada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e que tamén contou coa representación das tres universidades galegas, así como de varios rexedores da ría arousá, entre os que se atopaba o de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas.

Baza importante

Unha das bazas máis importantes para que a Unesco inclúa este parque natural na súa selecta listaxe de destinos patrimonio da humanidade está na súa gran riqueza paisaxística, que une as contornas costeiras e mariños caracterizados pola presenza dunha gran variedade de flora e fauna. Ademais, a isto hai que engadir a historia xeolóxica dos arquipélagos e o seu especial geomorfología, froito da acción do vento, o mar e o salitre.

Se finalmente a candidatura das Illas Atlánticas logra o recoñecemento mundial da Unesco, España pasaría a contar con catro parques naturais nesta lista, na que xa están o de Doñana (Andalucía), e os de Garajonay e o Teide (Canarias).